27 de Outubro | Gala entrega de premios e actuacións

Auditorio de Galicia | Compostela

A paz esquiva

BIO

Se algo podemos destacar de SÉS é o seu enorme carisma e forza persoal, xa de sobra amosada en centos de concertos e actuacións ao longo de toda Galiza, percorrendo diferentes escenarios, pobo tras pobo e cidade tras cidade. Aos poucos e grazas á transmisión boca-orella, a súa intensa personalidade e honestidade á hora de manifestarse, foi conquistando o público cun caudal de enerxía que chama pola unión e o cuestionamento do establecido.

Comezou a súa formación no baile e na música tradicional galega. Ademais diso, é mestra e licenciada en filoloxía galega e antropoloxía social. Foi no ano 2007 cando creou o grupo Chámalle Xis! xunto con outros tres amigos. FoI un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.

Despois de máis de 30 concertos por toda Galiza con Chámalle Xis! e logo de colaborar con grupos e artistas coma Zënzar, Xabier Díaz, Xosé Bocixa e Guillerme Fernández, en 2010 Sés gravou unha maqueta con tres temas “Tola atrás de ti”, “Admirando a condición” e “Se te vas”, producida por Airapro.

En marzo de 2011 gravou o seu primeiro álbum de estudio chamado Admirando a condición, e o 7 de xuño de 2013 presentou o segundo álbum Co xenio destrozado, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. En 2015 saíu á venda o seu terceiro disco: Tronzar os valos. En novembro de 2016 lanza o sinxelo A Paz Esquiva, preludio do seu cuarto álbum: Opoñerse á extinción, que se lanza o 2 de decembro de 2016.

Opoñerse á extinción (2016) é o cuarto e último álbum dunha SES que sigue sendo pura forza, inconformismo e paixón. Nel segue a liña do seu inconfundible estilo que a levou a converterse na artista máis relevante do país nos últimos anos e nun auténtico fenómeno social que non deixa de medrar. Ela mesma define así este seu cuarto disco: O título ‘Opoñerse á extinción’ é a síntese da actitude que amosa o disco. A honestidade, a lucidez e tamén a rabia de sabernos en vías de desaparición inminente e inxusta, mais coa forza, o orgullo e o vitalismo de quen non asume o autoodio que tentan inculcarlle. Creo que é un traballo humilde, sincero e profundamente namorado da cultura á que pertence. É un disco de amor.

Este novo traballo continúa na liña dos dous discos anteriores, cunha onda ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, pero atrevéndose desta volta con novas sonoridades e deixando máis espazo para a cantareira que hai no seu interior.

A SES compositora vai medrando e madurando, aínda que sigue a tratar os temas de sempre: o amor en todas as súas versións (inclúe unha canción dedicada á filla dunha das súas cantoras), sen esquecer un tema clave da súa personalidade como artista, a denuncia social.

Desprazamento
Bottom Reached
GL