2024A Mellor Música do Ano 2023 na Galiza: a escolla dos seguidores de aRi[t]mar.

A Mellor Música do Ano 2023 na Galiza: a escolla dos seguidores de aRi[t]mar.

O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as cancións galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2023. Son 10 músicas de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Música do Ano na Galiza e Mellor Música do Ano en Portugal. Ditas votacións comezarán este luns, 26 de febreiro, ás 18.00 horas segundo o fuso horario galego, e poderanse acometer a través da páxina web aritmar.gal. O proceso de votación permanecerá aberto durante un mes, até o vindeiro 27 de marzo.

As cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2023 na Galiza, son: Cachondemia, de 100 Voltas; Viaxamos a Miami, de Ataque Escampe; Ai de min, de Caamaño&Ameixeiras; Bulerías da Lúa, de Davide Salvado (Permita Deus), Morena, de De Ninghures; Olivia Newton-John era de Pantón, de Festicultores Troupe; Onde Ela Me Quer Levar, de Grande Amore; Ardén, de Mondra; Vaia onde vaia, de Ruxe Ruxe; e Fai Tempo, de The Rapants.

As cancións finalistas para o premio a Mellor Música do 2023 en Portugal, son: 422, de A Garota Não; Não Vás Embora, Rapaz!, de Ana Bacalhau; Ao Teu Ouvido, de Buba Espinho feat. Bárbara Tinoco; Mais!, de Carlão; Saia da Carolina, de Carolina Deslandes; Serei Sempre Uma Mulher, de Luísa Sobral; Oxalá, de Maro; Sagitário, de Miguel Araújo; Na Escola, de Os Quatro e Meia; e Preço Certo, de Pedro Mafama.

As finalistas ao premio aRi[t]mar amosan un ecosistema musical galego cheo de xuventude e diversidade sen esquecer a tradición.

A música galega leva vivindo un auténtico renacemento nos últimos anos, facendo gala dunha diversidade e unha capacidade de mestura que a sitúan de pleno nas tendencias musicais a nivel internacional.

As cancións propostas polo xurado para loitar polo premio a Mellor Música do Ano dan boa conta da saúde e capacidade de renovación deste ecosistema, que mestura a vellos coñecidos da escena, coma os composteláns Ruxe Ruxe ou Ataque Escampe, con artistas xurdidos nos últimos anos coma Mondra ou Grande Amore.

Trátase dun espazo no que conviven a tradición, aderezada de moi diferentes maneiras, de 100 Voltas, Davide Salvado, Caamaño&Ameixeiras ou De Ninghures, co garage rock de The Rapants ou a actitude cómico-festeira dos Festicultores.

GL