
Xico de Carinho, recoñecido co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-lusófona.
Coma cada 24 de abril, a coincidir coa véspera da Revolución dos Cravos, o certame aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas dá a coñecer hoxe o seu Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona. Neste 2026, o xurado acordou entregar o citado galardón ó músico Xico de Carinho.
Este recoñecemento é entregado ás persoas ou entidades que teñan desenvolvido un fondo traballo na promoción e o fortalecemento das relacións culturais entre a Galiza e Portugal. Nesta edición, o veredicto do xurado é claro: “Xico de Carinho é merecente do premio especial do xurado porque leva toda unha vida tendendo pontes de afecto, memoria e cultura entre a Galiza e Portugal. ” O labor, de “amizade verdadeira” e de construcción de pontes entre as culturas de ambas as dúas beiras do Miño, é a razón fundamental da entrega do premio ó músico cariñés.
Ademáis, na véspera dunha data simbólica como é o 25 de abril, o xurado destaca tamén a relación que Xico de Carinho mantivo co Zeca Afonso: “A súa fonda amizade con José Afonso dá un valor aínda máis especial á súa traxectoria, pois non nace só da admiración por unha figura maior da cultura portuguesa, mais tamén dunha ligazón humana sincera e duradoira.”.
Rematando o seu comunicado, o xurado de aRi[t]mar asegura que “recoñecer a Xico de Carinho é, en definitiva, recoñecer unha vida dedicada a manter acesa a luz da amizade galego-portuguesa.”
© Foto: Xan Carballa
