Comezan as votacións para escoller a Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza e en Portugal
O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as poesías galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2022. Son 10 poesías de cada país as que optan a ser elixidas polo público como Mellor Poesía do Ano na Galiza e Mellor Poesía do Ano en Portugal. Ditas votacións comezarán este luns, 16 de abril, ás 9.00 horas segundo o fuso horario galego, e poderanse acometer a través da páxina web aritmar.gal. O proceso permanecerá aberto ata o día 14 de maio.
As pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2022 na Galiza, son: Fiadeiro do Lupamar, de Ana Pillado; Vanitas #1, de Antía Otero; FORXÁRONME CON PALABRAS, de Ánxela Gracián; MAMÁ fala en linguaxes, de Arancha Nogueira; N e u r a l x i a, de Clara Martín; Se algunha cousa queren comigo, de Lorena Conde; Ser mar, de María Álvarez Landesa; Tarefas, de Mercedes Martínez Modroño; DESPOIS de lermos, de Nieves Neira Roca; e As amigas, de Yolanda Castaño.
Por outra banda, as pezas finalistas para o premio a Mellor Poesía do 2022 en Portugal, son: ONDE ME ARDE, de Andreia Faria; Podia-te chamar Lisrio, de Fernando Machado Antunes; PONTO E VÍRGULA, de Joaquim Gouveia; Ao lusco-fusco, a indecisão das cores, de Licínia Quitério; punhos, de Maria do Rosário Pedreira; Se de repente perto fosse um verbo, de Maria Isabel Fidalgo; Faço uma curta viagem, de Maria Teresa Dias Furtado; Aqui estão as minhas chaves, de Pedro Eiras; Insignificante criatura me chamaram, de Ricardo Gil Soeiro; e THE BIG FREEZE, de Rui Lage.
Todas as persoas que quixeren participar poden votar a través da web do aRi[t]mar dende as 09:00 h do 17 de abril até ás 23:59 h do día 14 de maio
Ari[t]mar é um proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galiza, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.