2025Quererse Ben, de Mondra, elixida polo público como a Mellor Música do Ano 2024 na Galiza

Quererse Ben, de Mondra, elixida polo público como a Mellor Música do Ano 2024 na Galiza

Con máis de 6.000 votos emitidos, pechouse o proceso de votación mediante o cal o público do certame aRi[t]mar escolleu cales foron as Mellores Músicas do pasado 2024 na Galiza e en Portugal.

Neste caso, a xente acordou que Quererse ben, de Mondra, foi a Mellor Música do 2024 na Galiza. O artista, natural da parroquia de Recesende, no concello de Teo, é unha das frontes de batalla dunha das fusións musicais que con máis acerto se veñen dando no panorama musical galego dos últimos anos: a da música tradicional e estilos contemporáneos como a electrónica. Mais non é suficiente con esta suma de factores para definir o que supón un autor, músico, cantante e bailador que tamén brilla polo seu carácter reivindicativo, transgresor e ligado á defensa da súa identidade, falemos de galeguismo, de sexualidade disidente ou da Galicia rural. Mondra é un grande representante do que a canción galega significa neste ano 2025, e así o quixo gravar en pedra o público de aRi[t]mar outorgándolle o Premio á Mellor Música do 2024 por Quererse ben; esta canción, aínda escapando da raíz, si que representa parte do traballo do teense e supón un bo exemplo das diversas sonoridades do artista, que compón, neste caso, unha balada que fala do xeito de expresar o amor e os afectos.

No ámbito do territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do 2024 en Portugal é Amor de Ferro de Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa.

O tema é froito da colaboración de dous xigantes da música portuguesa contemporánea, pertencentes a diferentes xeracións de autores. A canción, escrita por ambos mais composta por Diogo Piçarra, amosa o estilo deste último cun pop moderno que combina texturas electrónicas e outras máis orgánicas, como as do piano e a guitarra. A dozura do timbre de Piçarra contrasta coa gravidade de Abrunhosa na expresión, dura e dramática, dun amor que foi cousa de dous e agora xa só parece vivir na metade da laranxa.

Tanto Mondra como Piçarra, que ademais do premio comparten o amor como tema central das cancións vencedoras, recollerán o premio e actuarán na gala aRi[t]mar 2025, que se realizará no mes de outubro en Santiago de Compostela.

GL