Nas noites de luar

Carlos Da Aira

Nas noites de luar

NAS noites de luar contamos as estrelas a moreas,
os medos a mancheas,
os antídotos ineficaces a puñados
-fállanos a memoria e trabucamos os ingredientes-
as palabras que esquecemos a presadas,
os coitelos sen gume e enferruxados
a maínzos.

Hai parellas que sentan nas faldras das montañas,
sobre os cascalleiros ocultos e disimulados,
a ler o futuro a través da ollada estrábica.
Crean, mentres se acariñan as mans
e ollan en direccións opostas,
novos sistemas cos que xeracións vindeiras
predirán o destino coa menor marxe de erro posible,
sustentando as súas supersticións
nas obras completas da autoaxuda.

Roubáronnos os vertedoiros construídos durante décadas
co esforzo e a constancia dos paseos nocturnos;
cubríronnolos un día,
sen avisar,
e perdemos neles tódolos tesouros,
o porvir que estabamos a erguer
a costa de perdermos a razón
incansablemente.

Tanto nos ten xa se as noites son
de pedra ou estrelecidas.
O obxectivo é
-agora e sempre-
prender os fachos, compoñer os ósos,
facermos do corpo unha trincheira e
concibirmos, de a feito,
incontables estratexias para nomear
cada unha das loitas que nos restan por librar,
cada un dos motivos polos que as debemos gañar.

Prender os fachos, compoñer os ósos.
Espiral Maior, 2019.

BIO

Carlos da Aira (Elgoibar, Euscadi, 1972), fillo de emigrantes, vive actualmente na aldea de Nanín do concello de Allariz. Escritor e músico [combinación electrónica e música tradicional: pandeireteiro, cantareiro, gaiteiro, tamborileiro, bailador].

Participante en numerosos festivais e encontros de poesía (en Portugal, Euscadi, Asturias, Cabo Verde e no Xapón, entre outros). Foi o gañador do Concurso de Microrrelato Aira das Letras (2012), do Poetry Slam de Vigo (Edición especial Día das letras 2015) e dos XXVII Xogos Florais María Pita (2018).

Desde o 2011 formou parte do Comando Esbardalle, un colectivo poético cuxo único obxectivo é “dominar o mundo e impoñer a ditadura da poesía”. Como apaixonado da poesía e do relato curto, participa en espectáculos de carácter multidisciplinar en que se intenta recuperar e potenciar a dimensión oral e pública da arte.

Desde o ano 2014, organiza e dirixe o Poemagosto, Festival Internacional de Poesía en Allariz; e, desde o 2015, o Ponme un Poema!, unha ruta poético- gastronómica polas tabernas e as rúas de Allariz.

Prender os fachos, compoñer os ósos obtivo o XXXIV Premio de Poesía Cidade de Ourense no ano 2018. Nese mesmo ano, a Editorial La Vorágine publica, en edición bilingüe, o seu primeiro poemario individual Pólvora, poesía explosiva para axitar conciencias.

No 2019 , co poemario A guerra era contra nós, tamén foi o gañador da VIII edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

De cando en vez publica poemas no seu blog blogheada.daaira.eu

Entrevistamos a
Carlos Da Aira

“O poema expresa rabia, é un chamamento a esas loitas que nos restan por librar para reverter ese abandono e evitar que o rural se converta nun deserto humano”

Carlos Da Aira reside en Roimelo (Allariz). Na súa carreira literaria recibiu galardóns como o XXXIV Premio de Poesía Cidade de Ourense (2018) por “Prender os fachos, compoñer os ósos” e o Premio Manuel Lueiro Rey, na súa oitava edición (2019), pola obra “A guerra era contra nós”. Participou en festivais e encontros poéticos en Portugal, Euskadi, Asturias, Cabo Verde ou Xapón, entre outros lugares. Tamén foi vencedor do concurso de microhistorias Aira das Letras (2012), Vigo Poetry Slam (edición especial Día das Letras 2015) e dos XXVII Xogos Florais María Pita (2018). Outros títulos publicados por el son “Corpo a corpo” e “Pólvora. Tipos, recomendacións, consellos e advertencias para un tempo de poesía”. Desde 2014 organiza e dirixe o Festival Internacional de Poesía en Allariz, o Poemagosto, e unha rota poético gastronómica polas tabernas e rúas de Allariz, o Ponme un Poema!

Que significa a concesión do premio ao mellor poema galego de 2020?

Que me dean o premio ao mellor poema é importante porque o dá a xente, o público, digamos, que está atento á difusión da poesía nas redes sociais. Tamén é especial porque levo anos seguindo o traballo do aRi[t]mar e, a primeira vez que escoitei falar del, dixen para min: oxalá algún día me desen ese premio a min. Coñezo algúns dos premiados nestes anos e facíame ilusión pensar que algún poema que eu cría que o podería merecer puidese ser premiado aquí.

Que valor lle dás a incidencia das redes sociais?

O feito de votar por internet crea un contexto que hai que ter en conta. Hai que ser realista e humilde. Non é o mesmo un premio no que hai un xurado “profesional”, con persoas do mundo da escrita ou da crítica, que outro no que vota calquera persoa, incluídas as túas amizades… Hai que contextualizar, desmitificar os premios, e máis este, no que vota xente de moi diversos ámbitos e no que sabemos que as redes sociais inflúen moito. Olga Novo é unhas das mellores poetas de Galicia, por non dicir a mellor, pero non usa as redes sociais, mentres que eu, que non podo nin compararme con ela, si as uso, e acho que, sen desmerecer os votos da xente, iso xoga ao meu favor nun premio coma este. 

Que te propoñías co poema?

– Pechar o libro no que está incluído. Eu non lle puxera título aos poemas, e no premio puxéronlle o primeiro verso, pero, de telo, sería o título do propio libro (“Prender os fachos, compoñer os ósos”). Buscaba un colofón a este libro que fala da rabia que me producen varias cuestións relacionadas coa vida na aldea, desde a aldea e para a aldea. Ese despoboamento que xorde non só da elección persoal, senón como consecuencia de políticas e feitos que están aí, que existen. O libro parte desa rabia e, sobre todo, da desconexión que detecto entre a xente e o mundo rural ou a natureza. Buscaba incitar a unha revolta, ante todo persoal, e despois social, contra ese distanciamento da aldea como núcleo dun modo de vida que é posible, algo que en Galicia é máis evidente, máis real. Pódese vivir na aldea sendo enxeñeiro, médico ou profesora, calquera cousa. Pódese vivir na aldea, desde a aldea e para a aldea. O poema expresa rabia, é un chamamento a esas loitas que nos restan por librar para reverter ese abandono e evitar que o rural se converta nun deserto humano.

Que te anima a estar en loita desde a poesía contra males que sofre a sociedade galega actual como o despoboamento?

Eu vivo nunha aldea pegada a Allariz e arredor meu vexo indicios, moi lentos e minoritarios se se quere, dun cambio polo menos de perspectiva, da idea do que é vivir na aldea. Aparecen proxectos de mulleres e homes novos que volven á aldea e que crean proxectos de vida desde a aldea. Que haxa unha volta masiva é difícil porque levamos anos de derrubo de infraestruturas e mesmo das propias casas, o que imposibilita unha volta rápida e sinxela. O que fan falta realmente son proxectos de vida que fagan volver pouco a pouco á aldea. Quero ser optimista e vexo indicios de necesidade de volver a espazos que son máis saudables e cada vez máis necesarios, como se está demostrando.

Que preto te sentes ti da Lusofonía?

Moi preto, tanto fisicamente -porque vivo preto da raia-, como polos proxectos nos que me fun involucrando desde o 2011, cando volvín a Galiza despois de botar moitos anos fóra. En canto volvín entrei en contacto coa Fundación Vicente Risco e a partir de aí sumeime a proxectos como “Cultura que Une”, que promoven esa unión cultural e persoal entre artistas dos dous lados da raia. O primeiro que publiquei co meu nome foi unha plaquette en portugués, editada en Portugal, para levar a un festival de poesía en Cabo Verde. Teño moitas amizades en Portugal e sempre que podo fago unha visita, ademais de participar en calquera proxecto ao que me convidan dende alí. Esta unión cultural non está libre de trabas, por pertencermos a dous estados diferentes, pero é unha necesidade, e de feito é unha realidade, algo que xa leva tempo existindo e medrando, polo menos co norte de Portugal.

Con que saúde sae a poesía galega do confinamento?

Houbo xente que publicou antes do confinamento, ou nel, como me pasou a min con “A guerra era contra nós”, e foi unha putada, porque a poesía, sendo a máis minoritaria das artes literarias, necesita moita axuda e difusión para que chegue. O confinamento enfastiou bastante. E tamén vin moita borralla, con perdón, durante ese tempo que botamos pechados, demasiada palla e pouco grao. Creo que iso foise filtrando e que se vai medir cada vez máis a calidade editorial, mirando canto e que se publica, ou a cantidade e nivel dos eventos literarios que se organizan, e como estes coidan as e os poetas participantes, que merecen o mesmo respecto que calquera outro artista en calquera outro tipo de evento cultural, como os músicos ou actores nos seus propios festivais, por exemplo.

Vas romper algún esquema na gala de entrega dos premios?

Encántame romper esquemas cando o espazo é meu, pero non me gusta dar a nota cando non é só meu, como é o caso. Digamos que me controlarei, o que non significa que vaia ir con traxe e gravata nin que non poida incorporar algún elemento artístico ou literario de reivindicación ou crítica.

Desprazamento
Bottom Reached
PT