Cantiga de montaña

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre

Cantiga de Montaña

BIO

Xabier Díaz compaxina as súas facetas de músico e compositor cunha laboriosa actividade como investigador e compilador do folclore tradicional galego. Froito deste traballo é o álbum Coplas para Icía (2007) no que contou coa participación de Pedro Lamas e Suso Iglesias.Foi cantante titular da compañía Nova Galega de Danza coa que levou a escena os espectáculos Alento, Engado e Tradicción entre os anos 2005 e 2009. Formou parte do grupo Berrogüetto, desde inicios de 2008 até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda. Durante este tempo editaron os discos Kosmogonías (2010) e O pulso da terra (2011). Alén diso, obtiveron o Premio de la Academia de la Música á mellor canción en galego (2011) e o de mellor grupo de música folk na primeira edición dos Premios Galegos da Música Martín Códax (2013), así como o galardón á mellor banda sonora nos Premios Mestre Mateo (2014) coa película Inevitable. Participou xunto a Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto aCadaCanto co que editaron aCadaCanto (2012) e A Rosa D`Adina (2014).

Cómpre destacar as súas numerosas colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas, tales como Kepa Junquera, Xosé Manuel Budiño, Carmen París, Amancio Prada, Luar na Lubre, Uxía ou Os Cempés. Así mesmo, a súa presenza nos escenarios non só se circunscribe ao ámbito galego senón a lugares como México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina ou Bélxica.

No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, que obtivo o galardón ao mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e ao mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Códax da Música Galega (2016). Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016.

Desprazamento
Bottom Reached
PT