9 Medrei na arela desa pantasma

Teresa Ríos Nota

9 Medrei na arela desa pantasma

9
Medrei na arela desa pantasma
que como un suspiro na noite
volvía a casa no Nadal.
No seu ocaso
o arrepío a morte
facíao bagoar por min
atrapados nun silencio pernicioso
enquistado no tempo.
Miro de esguello esas mans
que me arrolaron
tecendo unha rede ao meu carón
para rachar o rol para o que nacín
e con aloumiño
ceibarme nas ás do vento.
Abrigo no meu peito
a esa nena
que carrexaba unha maleta
chea de arrecendo a mar
a pan de millo no leite
acabado de muxir
a empanada de xoubas
a choiva
a todo aquilo que amornase
O latexo na diáspora.

Déitome na beleza íntima
das palabras que agocho
no estoxo dos soños
prendidos no fondo da retina.
Teño un eirado cuberto de libros
onde subo a dornas que me afastan
da dor e as angurias
deixando un ronsel de luces acesas
no medio da cegueira.
Gravo en imaxes esas aventuras
nas que eu son a actriz principal
nas que son quen
de mudar o ser que me habita
e facerlle fronte con carraxe
á tolemia que me achega ó abismo.
Escribo na lingua que mamei
e que esmorece á espera
de berrar en terra liberada
por todos os que choran
por volver ollar os toxos axiña.
Carrexo esa espiña
cravada nos miolos
cos recordos que teño soterrados
onde non quero pescudar
−os que me fan recuar−
cando case os apreso.

Non estamos preparados para medrar,
Urutau, 2021

Desprazamento
Bottom Reached
PT