O Premio Especial do Xurado do aRi[t]mar galiza e portugal á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona recae en Ponte… nas Ondas!
O xurado do certame aRi[t]mar galiza e portugal vén de decidir que a asociación cultural e pedagóxica Ponte… nas Ondas! será a galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022.
Coa finalidade de promover a existencia dunha identidade común entre os pobos galego e portugués, Ponte… nas Ondas leva máis de vinte e cinco anos organizando actividades culturais e pedagóxicas na Galiza e na zona norte de Portugal. Creada en 1995, esta entidade naceu aproveitando a construción dunha ponte física entre as localidades de Monçao e Salvaterra de Miño e estabeleceu unha ponte comunicativa a través do medio radiofónico. A primeira actividade desenvolvida pola entidade foi levada a cabo por alumnado de 16 escolas de amba as dúas beiras do Miño, utlizando os estudos Ecos da Raia de Monção e outros situados na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño.
Foron numerosos os galardóns recibidos por esta iniciativa antes de obter o recoñecemento do aRi[t]mar galiza e portugal. Entre os premios máis importantes cóntanse un Premio ONDAS, acadado no ano 2014 pola “mellor cobertura informativa do patrimonio inmaterial galego-portugués”, e o Premio Galicia de Comunicación, outorgado no 2005 pola Xunta.
Un premio para quen tende pontes entre a Galiza e Portugal
O Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona é un galardón outorgado por medio de resolución directa do xurado do aRi[t]mar galiza e portugal, e pretende salientar o traballo de institucións, persoas ou grupos das mesmas que contribúen a achegar as culturas galega e portuguesa. A resolución dáse a coñecer nas vésperas do 25 de abril, data da Revolución dos Caraveis.