2021José Viale Moutinho, premio especial do xurado aRitmar galiza e portugal 2021 á Embaixada da amizade galego-lusófona

José Viale Moutinho, premio especial do xurado aRitmar galiza e portugal 2021 á Embaixada da amizade galego-lusófona

O xurado pon en destaque o labor de Viale Moutinho como ponte entre Galiza e Portugal e impulsor do continuo lingüístico e cultural que representa a Lusofonía e como verdadeiro embaixador da Galiza en Portugal e de Portugal na Galiza.

O intelectual residente no Porto é autor dunha prolífica obra literaria como narrador, tradutor, ensaísta, poeta e dramaturgo, entre a cal se encontran varias versións de obras literarias galegas, unha antoloxía da poesía galega e un ensaio sobre o nacionalismo galego.

O galardón dáse a coñecer nas vésperas do 25 de abril, data referencial para toda a Lusofonía
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021.- O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da amizade galego-lusófona” ao escritor madeirense residente no Porto José Viale Moutinho.

A resolución do xurado, dada a coñecer nás vésperas do simbólico 25 de abril portugués, pretende pór en destaque, dentro do proxecto aRi[t]mar galiza e portugal, aquela persoa, grupo de persoas, institución ou iniciativa que teñan contribuído a tender pontes de amizade e colaboración entre a Galiza e a Lusofonía ben como a traballar pola cultura e a lingua comúns o recoñecemento mutuo entre Galiza e a Lusofonía ou cun labor de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural.

A proposta avalada polo xurado, pon o foco no labor de Viale Moutinho como ponte entre Galiza e Portugal, como impulsor dese continuo lingüístico e cultural que representa a Lusofonía, e como verdadeiro embaixador da Galiza en Portugal e de Portugal na Galiza.

Alén dos seus méritos como xornalista en medios como o Jornal de Notícias, o República ou o Diário de Notícias, José Viale Moutinho é narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta, con obra traducida a varios idiomas, tamén ao galego. Está tamén moi ligado ao Festival da Poesía no Condado desde o seu inicio en 1981,organizado pola Sociedade Deportiva do Condado (SDC) con Sede en Salvaterra do Miño. Como director da Associacão Portuguesa de Escritores, da Associacão de Jornalistas e Homens de Letras do Porto e do Teatro Experimental do Porto posibilitou a visibilidade da literatura galega en Portugal, e a el se debe a presenza da escritora Xela Arias, de Mantecón e da directiva da SDC para presentar o Festival da Poesía no Condado ao mundo lusófono.

Pioneiro en divulgar a literatura galega contemporánea, nomeadamente a de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín é o seu primeiro tradutor ao portugués. Tamén traduciu a Castelao e a Lamas Carvajal e é autor de Fouce erguida. Antologia de poesía galega de combate.

Viale Moutinho foi tamén investigador da represión franquista e dos campos de exterminio nazi, autor dunha biografía sobre Zeca Afonso e impulsor da Asociación que en Vigo leva o seu nome.

Relacionada coa temática galega escribiu o libro pioneiro Introdução ao nacionalismo galego.
Foi elixido académico de honra electo da RAG renunciou en solidariedade con Méndez Ferrín cando este deixou a presidencia.

En anteriores edicións do certame, resultaron galardoados con este premio o desparecido músico galego Fran Pérez Narf, as Convergências Portugal Galiza organizadas polo grupo bracarense Canto D’aquí, a cantora galega Uxía e a ex diretora da Comunidade de Países de Língua Portuguesa e ex ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello.

Na gala aRi[t]mar galiza e portugal desta edición 2021 que se celebrará no último trimestre deste ano, recibirán os seus premios a música galega Guadi Galego, seleccionada como intérprete do mellor tema musical en galego de 2020, Despedida, e Cláudia Pascoal, cantora da mellor música portuguesa do ano, Quase Dança, xunto coas persoas gañadoras do certame de poesía e do propio José Viale Moutinho.

Ademais, permanece aberto o prazo para as votacións do amentado certame de poesía. As persoas que queiran participar poden emitir o seu voto, até ao 20 de maio, por tres poemas da Galiza e tres de Portugal na web do proxecto aRi[t]mar galiza e portugal.

As poesías finalistas desta edición son as galegas: protocolo, Ana Romaní, A desvértebra, Chan da Pólvora, 2020; #love, Arancha Nogueira, #hashtags para un espazo/confinamento agónico, Positivas, 2020; Chamamento okupa, Carlos Lorenzo/Baldo Ramos, No interior do abandono, figurandorecuerdo(s)edicións, 2020; Agora non se garda nada, Iria Pinheiro/María Lado, Uralita, Cuarto de inverno, 2020; santa lucia, Eduardo Estévez, Arrincando marcos 2020, Positivas, 2020; Decidín, Lucía Cernadas, Poesía galega novísima, Urutau, 2020; Odias a poesía e fas ben, María Lado, Gramo Stendhal, Apiario, 2020; a metáfora de tan fina, Rosa Enriquez, Vacastras, Urutau, 2020; A reflexión, Rosalía Fernández Rial, Árbores no deserto, Galaxia, 2020; Dixeches, Francisco Fernández Naval, Poetas na cociña, Medulia Editorial, 2020 e as portuguesas: ninguém sabe o malefício dos anos, Álamo Oliveira, Poemas Vadios, Companhia das Ilhas, 2020; As letras do teu nome, Alexandra Santos, As letras do teu nome, Chiado Books, 2020; Almofada de andorinhas, Hélia Correia, Acidentes, Relógio D’Água Editores, 2020; Memórias, João Pedro Méssender, A quem pertence a linha do horizonte? Página a Página, 2020; Quem ordena este pandemónio? Jorge C. Ferreira, Desaguo numa imensa sombra, Poética Edições, 2020; Poema recuperado do caixote do lixo, Jorge Sousa Braga, A matéria escura, Assírio & Alvim, 2020; verão sabe-se bem, Márcia, As estradas são para ir, Editorial Planeta, 2020; A casa velha como uma velha, Raquel Serejo Martins, Silêncio sálico, Poética Edições, 2020; Valencià, Rosa Oliveira, Errático, Tinta da China, 2020; Foz, Samuel F. Pimenta, Ascensão da água, Labirinto, 2020.

aRi[t]mar é um proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galiza, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa Lusofonía.

Coa organización da Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2020. En outrono, os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.

Ademais das comunidades educativas e sociais da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, participaron tamén as da Facultade de Filoloxía da USC, Instituto de Línguas e Ciências Humanas da Universidade do Minho (Braga), Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões, os centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza e os Centros de Estudos Galegos de máis de 35 universidades do exterior, ben como centros de ensino secundario de fóra de Galiza en que se imparte galego.
Esta iniciativa fai parte da Rede da GaliLusofonia, “com os objetivos de juntar esforços, coordenar-se e cooperar na difusão de iniciativas encaminhadas a fomentar a nossa língua e cultura comuns no seu espaço natural, a Lusofonia, com grande potencial noutros campos como o económico e o institucional”.
aRi[t]mar galiza e portugal conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación Provincial da Coruña, das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, así como do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e do Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo.

GL