Síndrome de Stendhal

Olga Novo

Síndrome de Stendhal

Lumi potete piangeri... Aria de La divisione del mondo GIOVAVNI LEGRENZI

Chorei ao ver o corazón de Pentesilea atravesado por unha lanza
naquel kylix da Ática do 470 a.C.
ano do nacemento de Sócrates.

Ante a lenta beleza de Rohmer
e o émbolo sensible que comprime o fluído do amor.
Ante un altar de Pérgamo e unha buleira e dous
garabullos abrazados
e unha lousa patrimonial.

Esbagoei intuíndo
o saber e o sabor da xeada
e a primeira vez que o meu corazón se comportou coma
un paporroibo
aos tres anos
era tan pequeniña que aquel sentimento parecía unha
aos tres anos
montaña
pero subín
ata tocar as nubes
e cando baixei sabía pronunciar á perfección as vinte sílabas
do amor
anque o oído humano só é quen de escoitar dúas.
E ás veces non collo no meu tórax e teño que marchar
emocionada
a unha esquina escura onde ninguén me vexa
arrolando a taquicardia do meu colo.

Sempre quixen ser unha muller normal
pero de súpeto aquel olor da terra trala chuvia
a esfera de Pascal
a pituitaria da alma na que non creo
de súpeto as flores da cerdeira
e a noite pecha que eu abría cunha chave metida no cerebro

o sublime case manca
e volvía de min tan cansa que ás veces quedaba onde non
estou.

Sempre quixen ser unha muller normal
pero nacín cunha tuba na garganta.

A música chega a doerme no estómago coma se comera
pan de lava
e Glück e esa gotiña
de chumbo ardendo
cando Orfeo descende
ata os infernos.

Dicir por exemplo
que virá a morte e terá os teus ollos
dicir que unha ten nostalxia das branquias
e que un tigre de tenrura
dicir o Pracer guiando o pobo
dicir e non arder… Como se pode?
Acaso sexa o grao de beleza que podemos soportar
aquel de trigo que cae dunha espiga e logo xa nada nos
protexe?
Como sobreviviu Chateaubriand en Venecia?
E como non viviu
aquela rosa regada con gas no condado de Devon?

Como non cegou Goethe ao albiscar
a teoría das cores?
Ás veces choro enriba dun libro de Borges
cando ninguén me ve
toco cun dediño a rama das patacas dun cadro de Giotto
…dicir por exemplo que virá a morte e terá os teus ollos.

Saber que un fento é un fractal tamén me fai chorar
e o musgo de Emily Dickinson cubrindo a pareda da
Cortiña
o amor tolo de Breton e o seu peixe soluble
e as maus do meu pai as súas unllas cheas de antracita e
o hipérbato
da reuma
retorcéndolle as articulacións
e a nena salvaxe que danza no cadro de Emil Nolde…

Acaso sexa o grao de beleza que podemos soportar
aquel de trigo que cae dunha espiga e logo xa nada nos
protexe?

Eu quixen parir
por ver se a contracción era un poema eléctrico
se a vida pode aínda dilatarse como a vaxina da femia
se a éxtase se completa ao saír unha mesma dunha mesma
entre o sangue
e a placenta
se a sinfonía louquea co ritmo umbilical
ah, e se aquel grao de trigo aquel grao
acaso sexa o grao de beleza que podemos soportar.

Ah e se aquel grao de trigo aquel grao aquel grao
de trigo aquel
grao
de trigo
aquel
é aquel grao

de beleza
que podemos
soportar.

Feliz Idade.
Kalandraka, 2019.

Desprazamento
Bottom Reached
GL