![](https://aritmar.gal/wp-content/uploads/2023/05/Aritmar-lorenaConde-2GalizaPoesia2022.jpg)
Lorena Conde
Se algunha cousa queren comigo
Se algunha cousa queren comigo
asegúrenme verdor.
Unha sombra esmeralda empoeirada de luz.
Déanme certezas de que non hai senda,
díganme que o meu avance
̶ por descontado dificultoso e cheo de perigos
me levará, cando menos, pola verdura mesta dun monte ignoto
no que árbore e bosque son a mesma cousa.
E, se caio
(que caerei)
sen ninguén presente para escoitar o meu declive,
farei ruído e tamén non.
E será asunto só meu e dese verde.
Xúrenme terra fértil na que un corpo gasto,
consumido ata a faragulla mínima,
descanse e se dilúa noutras vidas
minúsculas
capaces de limpar os tendóns e todas as outras ligaduras vibrantes
e tanxelas logo con delicadeza insecta.
Déanme terra neses montes onde se escoita
debaixo da manta de carriza
un perpetuo concerto de élitros e cordas.
Fagan o favor
e póñanme ese verde todo por escrito.
Entre leiras e labores, Antoloxía verbo-visual…,
Urutau, 2022.