Fran Pérez, Narf

Premio especial do xurado

O xurado acordou conceder este premio a Fran Pérez, Narf (Silleda, 1968), finado o 15 de novembro de 2016, motivado por ser un cantante e compositor galego dedicado a construír pontes de colaboración e afecto no ámbito lusófono. Narf deu o seu último recital nunha actuación conxunta coa banda mozambicana Timbila Muzimba, no festival Womex da capital galega. Obreiro da música, foi un dos grandes defensores e impulsores do achegamento musical entre Galiza e a lusofonía.

Resolución

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2017.- A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela acordou conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da Amizade galego-lusófona” a título póstumo a Fran Pérez Narf.

A resolución do xurado, dada a coñecer na véspera do simbólico 25 de abril portugués, pretende pór en destaque, dentro do proxecto aRi[t]mar galiza e portugal, aquela persoa, grupo de persoas, institución ou iniciativa que teñan contribuído á divulgación da música e da poesía galego-portuguesa actuais, para achegar a cultura e a lingua dos dous países ao abeiro da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e os vínculos coa lusofonía.

Deste xeito, será premiado a título póstumo Fran Pérez, Narf. A entrega desta distinción, igual que as gañadoras nas modalidades de música e poesía, realizarase na gala que se celebrará en outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no escenario en que un ano atrás actuaba por última vez, antes da súa morte.

Bio

Verdadeiro embaixador de Galiza na lusofonía, na súa produción con impacto neste eido destacan: Aló Irmao, Falcatruada 2010, CD-DVD gravado en directo, en compañía do artista guineano, Manecas Costa, no teatro Principal de Santiago de Compostela. O disco foi número 1 no top ten a RTP África, tres semanas en agosto de 2010. Radiado tamén en emisoras como a BBC ( The world on 3 ) ou Radio 3, recibiu excelentes críticas no ámbito da World Music. Foi un dos espectáculos máis aclamados do Womex 2009.

Totem, Falcatruada 2007. O CD contén temas como “Quero ser tambor”, difundido en países como Mozambique ou Brasil, e “Santiago”, canción coa que acadou o 2º posto no concurso da canción en linguas minorizadas europeas, no festival Liet Lavlut, en Suecia.

Ademais realizou o proxecto Bumba en 2005, convidando a catro artistas Mozambicanos pertencentes ao grupo Timbilza Muzimba, sendo un dos primeiros artistas que propuxeron a fusión da guitarra eléctrica co instrumento tradicional Chopi, a timbila, que ten o recoñecemento de patrimonio universal da cultura pola Unesco. O espectáculo presentouse en Galiza e en Maputo, Mozambique.

Ademais recibiu encargos de composición para espectáculos diarios nas expos de Lisboa, Hannover e Zaragoza, espectáculos producidos todos eles pola compañía portuguesa Trigo Limpo teatro Acert.
Compuxo a obra sinfónica “ A canción das árbores danzantes”, estreada pola orquestra Filharmónica de Galicia na praza do Obradoiro, en Compostela, con motivo da toma de posesión do presidente da Xunta.

Compuxo tamén máis de trinta bandas sonoras para produción teatrais de diferentes compañías en Galiza e Portugal, destacando composicións para o CDG, como “Salomé” ou “A boa persoa de Sezuán”, ou outras como o evento multitudinario “A queima do Judas”, que reúne máis de trescentos artistas cada ano en Tondela, Portugal. Producido por Trigo Limpo- Acert, leva máis dunha década sendo o autor da música e director musical do espectáculo.

No ámbito audiovisual, destaca a súa participación como compositor no filme de animación para nenos “O Labirinto dos soños”, ademais de diversos documentais como “Galicia Une”.

Foi un dos fundadores da sala Nasa en 1992, onde ademais doutros labores compuxo ducias de cancións para a Banda da Nasa.
Participou como actor en algunhas montaxes teatrais, orixinalmente como membro da compañía Chévere (Máquina total, Annus Horribilis…) No ano 1998 interpretou o papel protagonista da montaxe Sebastiao Menino Rei, con libreto de Sinde Filipe, e música de Laurent Filipe, obra estreada na Expo de Lisboa. Actuou tamén na montaxe do CDG “A Ópera dos tres reas”, de Bertold Brecht e Kurt Weill, protagonizada por Luis Tosar.

Desprazamento
Bottom Reached
GL