Rosalía Fernández Rial
Parque
Cando a xornada
esgota a obstrución
laboral verte toda a desidia
nos corpos
que o parque dispersa.
A súa corrente
estancada
arrastra extremidades
que reptan sen rumbo
pola alameda,
enredando a inercia común.
Nun desaugadoiro
con sentido inverso
a materia orgánica
medra ata podrecer.
Mais neste intre descomposto
emerxe xa a contracción.
Contra-acción:
tensamos o músculo
das artes vivas
e vestimos os restos de pel
coa fervenza interna
do movemento consciente.
Agora somos nós
quen arrolamos
xornadas,
persoas
e realidades.
Desde a poesía danzada.
Agora
desembocamos a abulia
e ficamos sós.
O parque,
Manuel Antonio
e mais nós.
Co horizonte
por vangarda.
Contra-acción.
Neopatria, 2016.