O corazón

María do Cebreiro

O corazón

Ninguén nos dará a man no derradeiro alento.
Quizais a morte sexa unha experiencia nobre.
Quizais sexa tan cega como o amor,
e o sentido da vida sería un significante baleiro, igual que o orgasmo.

Poderán agarrarnos da man ou bicarnos na fronte,
pero no derradeiro instante (se é realmente o instante derradeiro) estaremos nós sós.

E nada é suficiente contra a morte.
Morren os asasinos e os caníbales,
os que souberon ler as vísceras das aves,
os que ataron no mastro
a pálida Ifixenia porque séculos antes,
na súa condición de notables
da república, autorizaran tamén sacrificios humanos.

A vida non ten sentido.
A vida é o sentido.
E o corazón, tan fráxil, unha ave de paso:
sobrarían os dedos dunha man para poder contalo.

Un can de caza tan ben adestrado
que até que estoupa non deixa de bater. Ás veces o corazón nace cun sopro: o vento infíltrase nel e non o solta, e noutras ocasións rube pola montaña que fai irregular a paisaxe da vida,
e móvese por ela como un tren descarriado polos Andes.

E tendo estas imaxes na memoria dicimos, pobremente, que alguén rompeu o noso corazón.
Como se fose un óso e non un músculo.
Pero as cuncas non son de cristal nin de louza.

O aire é o verdadeiro escultor da sede.
E o corazón, a máquina de guerra que escolle a quen lle dar a súa metralla.
A quen entrega as armas o corazón
respóndelle: “Non perderás a vida porque non a tes”.

O amor é unha operación a corazón aberto. Quen pode asegurar,
cando nos abran, se ficaremos salvos ou se iremos morrer?

O deserto.

BIO

Nada en Santiago de Compostela o 5 de xullo de 1976, é unha escritora galega e teórica da literatura. Filla dos escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes e irmá do pianista Abe Rábade.

En 1998 licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. É investigadora e profesora de Teoría da Literatura na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela. En 1998 viu a luz o seu primeiro libro de poemas O estadio do espello. Seguírono Nós, as inadaptadas (2002, accésit do XXI Premio Esquío de Poesía en Lingua Galega), Non queres que o poema te coñeza (2004, galardoado co II Premio de poesía Caixanova 2003), O barrio das chinesas (2005),

Os hemisferios (2006), Cuarto de outono (2008), Non son de aquí (2008) Os inocentes (2014) e O deserto (2015). En 2004 acadou o Premio de Investigación Dámaso Alonso coa obra As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, extraída da súa tese de doutoramento.

Aproximación teórica ó fenómeno antolóxico desde a perspectiva do espacio (2004), na que ensaia unha teoría das antoloxías poéticas no contexto literario peninsular, e máis especificamente nas sociedades galega e catalá contemporáneas.

No ano 2005 publica As terceiras mulleres, ensaio trazado ao redor da nova maneira de entender a representación da subxectividade feminina e a creación artística feita por mulleres. Xa en 2011 ve a luz Fogar impronunciable. Poesía e pantasma onde reflexiona sobre a desaparicion e a literatura como un dos medios de representación histórica. Coordinou as escolmas A poesía é o gran milagre do mundo (2001), mostra de poesía galega contemporánea traducida ao inglés, e Damas negras (2002), antoloxía e tradución ao galego de letras de cancións cantadas por mulleres.

Desprazamento
Bottom Reached
GL