BIO
O artista, natural da parroquia de Recesende, no concello de Teo, é unha das frontes de batalla dunha das fusións musicais que con máis acerto se veñen dando no panorama musical galego dos últimos anos: a da música tradicional e estilos contemporáneos como a electrónica. Mais non é suficiente con esta suma de factores para definir o que supón un autor, músico, cantante e bailador que tamén brilla polo seu carácter reivindicativo, transgresor e ligado á defensa da súa identidade, falemos de galeguismo, de sexualidade disidente ou da Galicia rural. Mondra é un grande representante do que a canción galega significa neste ano 2025, e así o quixo gravar en pedra o público de aRi[t]mar outorgándolle o Premio á Mellor Música do 2024 por Quererse ben; esta canción, aínda escapando da raíz, si que representa parte do traballo do teense e supón un bo exemplo das diversas sonoridades do artista, que compón, neste caso, unha balada que fala do xeito de expresar o amor e os afectos.