27 de Outubro | Gala entrega de premios e actuacións

Auditorio de Galicia | Compostela

Lista da compra da viúva

Enma Pedreira

Lista da compra da viúva

Na lista da compra só hai cousas para min.
Non coitelas, non arrebatadas ameixas
e infusións contra doenzas inventadas.
Non hai pan exótico para queimar nunha tixola mentres ti
e mentres eu,
non hai caprichos para desfacérseche na lingua.
Nin tabaco para o despois.

Na lista da compra só hai aire e sombra,
ítems dos que eu preciso,
e xa non gasto en comer nin en chorar,
xa non tatúo nada na porta da neveira, nin escollo
lugares en mapamundis contritos para fixar
aquí fomos/ou non/felices.
Na miña lista da compra volven mesturarse
os meus dez anos cos meus oitenta.
Hai panos do narís e algodóns e doces
polos que doo entre bágoas, entre moas.
Volve haber cousas que fai tempo que non.
Tiritas e suturas,
contencións para o desangrarse.
Fío para o desgarro, xeo para as feridas.

Xa me vou esquecendo de luxar as lúas
das uñas con canela e curry, xa non me sinto
na danza da fritura e da noite e xa non elixo
a froita por como se pareza a súa pel á túa,
afundindo as miñas xemas dos seus extremos.
Volve haber cigarros, tapóns para os ollos,
pinturas para recalcar os meus poros lacazáns,
e etiquetas nas que marcar cada lugar de min
que non se pode tocar máis.
Volve haber pintalabios que non me arrincarás
a beixos, maquillaxe para este último golpe
(que irá mudando a súa cor como o plátano maduro),
panos de papel para desbordamentos,
masilla para as miñas fendas de ruína.
E compresas.
Porque esta mañá ̶ probablemente ̶ perdemos
a última oportunidade
de ser os terribles pais
dun indómito nada.

Antídoto.

Desprazamento
Bottom Reached
GL