Reflexión

Rosalía Fernández Rial

Reflexión

Detrás do espello
todas eramos a mesma muller,
núa,
interrogativa,
reclamándolle respostas
á realidade.

Ninguén vai chamar por nós?
Ninguén -silencio-.

Porque sodes a mesma muller sen rostro,
sen nome.

E se nos creamos?

Que cada unha
se debuxe da forma que queira.

E foi así como demos a luz
os nosos lenzos,
soñando pincel,
imaxinando cores,
a grande escala.

Foi así como
comezamos a parirnos…

Ata nacer
entre os marcos ceibes
da fantasía feminina.

Así hoxe vexo,
nos seus ollos,
que o teu retrato
son eu.

Árbores no deserto.
Galaxia, 2020

Video Poema

BIO

Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988). Doutora en Filoloxía (USC) e estudos de música coa especialidade de acordeón no Conservatorio de Carballo.

Como creadora, en especial de poesía, Rosalía rexenérase en cada un dos seus libros, entre os que destacan: En clave de sol (2009), Átonos (2011), Vinte en escena (2012), Un mar de sensacións (2012), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) ou Sacar a bailar (2016). Títulos cos que se metamorfosea en presentacións performánticas e musicais e que tamén foron levadas ao ámbito audiovisual.

Aulas sen paredes (libro-DVD, 2016) é a súa obra de ensaio máis relevante e inclúe un documental audiovisual coa intervención didáctica na que usa a expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas para o ensino e aprendizaxe de linguas. Premio á mellor iniciativa bibliográfica na Gala do Libro Galego 2017. Como narradora publicou Bonus track (Ed. Galaxia, 2018), libro de relatos curtos tecidos con letras de cancións coñecidas. Na mesma editorial publica o seu último poemario, Árbores no deserto, traballo escrito desde códigos propios das artes vivas e as artes plásticas contemporáneas. Nel incorpora versos que nacen a patir de citas de autoras claves no feminismo, como Sojourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millet e Malala. “A reflexión”, o poema gañador de aRi[t]mar 2021, está inspirado por Flora Tristán. 

No xénero dramático, destaca a escrita de A lúa, válvula de spray, ficción sonora a través das rúas de Carballo).

Unha vez personificada, Rosalía pasa da grafía á acción e actualmente está a desenvolver diversos proxectos nos que fusiona, evolucionadas, as dimensións literaria, corporal, escénica e experimental. Amálgama que lle permite aliar os seus seres baixo a sólida existencia dunha peza artística; única identidade importante.

Fonte

Desprazamento
Bottom Reached
GL