BIO
Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, nada en Bravos, Ourol,[1] o 1 de outubro de 1993, é unha cantante e compositora galega que se fixo coñecida pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo (España), no ano 2018.
Traxectoria
A familia de Sabela naceu da parroquia de Bravos (Ourol), pero medrou nas Pontes. Formouse na Universidade da Coruña en terapia ocupacional, do que posúe o título de grao, e profesionalmente traballaba nunha organización non gobernamental de saúde mental e na inserción sociolaboral de persoas con discapacidades intelectuais.
Musicalmente formouse en clarinete, do que conseguiu o título de grao medio, e cursou un mestrado en musicoterapia. Seguiu clases de canto impartidas por Rosa Cedrón[3]. Forma parte do dúo Bahut, a canda o guitarrista Mateo Bruquetas.
En 2018 foi seleccionada para participar na edición de 2018 do programa concurso televisivo Operación Triunfo, onde chegou á final resultando cuarta clasificada.
Discografía
2019 Sabela Ramil: Sus canciones (Universal Music)
2019 Despedida
Fonte
Adaptado de Galipedia, a Wikipedia en galego
Entrevistamos a
Sabela
“Para moitas persoas, Despedida reafirmou que o galego non debe ter, nin ten, un límite creativo”
A cantante e compositora Sabela Ramil deulle un sopro de aire fresco á promoción do galego na música no seu periplo polo coñecido concurso televisivo “Operación Triunfo”, no que chegou á final. No seu primeiro disco, “Despedida”, un fito no indie galego, dille adeus ás cancións que creou e coas que gañou o corazón do público. Antes do salto á fama, esta moza traballaba no eido da terapia ocupacional e a musicoterapia con persoas con discapacidade intelectual.
Que significa para ti a concesión por parte do Ari[t]mar do premio á mellor canción en galego de 2019?
Para min foi unha sorpresa e, sobre todo, unha luz chea de confianza para seguir. “Despedida” é un dos meus temas máis especiais e, en si, non xurdiu como tema, senón como intro, pero tiña todo o que era eu e quixen apostar por ela como canción de saída. Foi un recoñecemento a apostar por min, así que eternamente agradecida en que se fixasen nela.
Onde cres que radica o éxito que tivo “Despedida” entre o público?
Se cadra o son, o conxunto musical de todos os arranxos e efectos. Nesta época non había nada en galego con este son e creo que, quizais, iso a fixo especial. En moitas persoas reafirmou que o galego non debe ter, nin ten, un límite creativo.
Que valoración fas do momento que vive a música en galego?
Creo que é o momento da diversidade. Hai moitos proxectos novos que apostan por diferentes estilos e perspectivas. Para min, na música, prima precisamente iso, a música. Canto máis diversa e canto máis reflexe a tódolos grupos sociais, mellor, polo tanto, a música en galego tamén. Observo que a xente nova, coma min, que entramos no mundo da música empregando a nosa lingua, mantemos un respecto pola esencia, pola tradición, sen perder de vista a exploración e o momento no que vivimos.
Que mensaxe lle dás as persoas que tentan abrirse camiño no mundo da música e da poesía en galego?
A mensaxe é clara: os artistas creamos grazas ao mundo no que vivimos, ese que nos dá a nosa identidade e a nosa individualidade dentro da colectividade que precisamos para vivir. A esencia de cada persoa radica nesa fórmula única na que conflúen linguas, persoas, contornas, etc. Cada persoa e, polo tanto, artista, será única grazas á súa esencia, é algo que nos distingue dos demais.
É unha sorte estar e coñecer o mundo cunha identidade; mudar sen perdela e sen estancarnos é o traballo do día a día.
Que importancia outorgas ás conexións da Galiza coa lusofonía?
Tendo en conta que o meu primeiro disco foi gravado en Portugal e con equipo portugués, ditas conexións, para min, son máis que importantes.
Portugal, para min, é parte da miña historia, xa que dende pequena adoitaba escoitar música e artistas portuguesas/es, así como do Brasil. Tender pontes e crear novos lazos a nivel cultural significa medrar, e iso só pode ter cousas positivas.
Que tes previsto para a gala de entrega dos premios de Aritmar?
Para a gala de premios irei xunto ao meu guitarrista Mateo Bruquetas e faremos un pequeno acústico no que, por suposto, estarán “Despedida” e “Nai”, outro tema importante do meu primeiro traballo. Tamén tocaremos “Tris Tras”, tema de Marful que me deu moitas ledicias e que nunca me cansarei de tocar e escoitar, agradecendo a Ugia e Marful todas as pontes que tenderon antes. E para rematar, faremos tamén o clásico “Adiós ríos, adiós fontes” de Rosalía de Castro, nunha versión adaptada que fixen para o Día das Letras Galegas do 2019.