Guadi Galego

Cólico

BIO

Guadi Galego (Cedeira, GZ, 1974) é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual. Entra a formar parte de Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira. Naquel momento, Guadi xa comezaba a experimentar con diversas sonoridades en formacións como o seu proxecto máis íntimo e persoal, Espido (con Guillerme Fernández) ou Nordestin@s (con Abe Rábade e Ugia Pedreira).

En 2009 sae á luz Benzón, album aclamado pola crítica galega e española co que inicia a súa carreira en solitario, sen deixar de participar noutros proxectos.

En 2012 únese aos músicos Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero para formar o grupo aCadaCanto. Con eles edita un disco homónimo, e outro en 2013, A rosa d’Adina. Reciben ese ano o Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor.

En 2014 publica o seu segundo traballo en solitario, Lúas de outubro e agosto, e en 2016 (ano no que acada o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Canción de Autor), sae o terceiro, O mundo está parado.

En 2015 recibe o Premio da Crítica Galicia na categoría de Música.

En outubro de 2019 publica Immersión, un traballo no que reinterpreta temas dos seus tres discos anteriores cantados en sete linguas peninsulares: galego, catalá, castellano, asturianu, aranés, euskera e portugués, coas colaboracións de numerosos artistas.

Foi galardoada co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020. Este ano volve recibir o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Indie/Pop e sae ao mercado e as redes o seu 5º disco en solitario, Costuras, do que forma parte a canción gañadora desta edición.

Fonte

Adaptado de guadigalego.eu

Desprazamento
Bottom Reached
GL