![](https://aritmar.gal/wp-content/uploads/2024/05/Aritmar-SilviaPenasGanadorPortugalPoesia2023.jpg)
Silvia Penas
CANTO SEGUNDO PARA UN FILLO NON NADO
SENTEI sobre a memoria con coidado
para que non rompese
coma se algo fose cortar a transmisión
de carne entre nós os dous.
Co meu peso abrín un oco
por exceso de preguntas:
onde estabas a existir antes de min?
Como era a túa transparencia?
Sentín a esfera do mundo
perder a súa casca no meu intestino
gabearon polos meus nervios de trapo
algunhas ratas, esquíos, furóns
chegaron ao núcleo mesmo do tempo
e unha tensión de arpa cravou
a miaa silueta naquel edén terrible
xunto á raíz da araucaria.
Apareceu a túa voz
antes do diluvio
aínda antes
de que ouvease o bosque
en todos os desmaios desas mortas
por parir
e a súa suavidade fería os meus latexos.
Toda a miña brusquidade contra a túa fráxil textura
de cadrelo
e aquel cheiro teu salvaxe de animal que treme
e sabe ser feroz
se hai montaña ou se hai lúa
ou se as deusas precipitan os designios.
Sabes volverme insomne
deixar pegadas en cada precipicio ao que me inclino.
Vou volver aprenderlle o teu nome aos meus soños
dubidan entre chamarte
ou perderte no templo vasto da memoria.
Estou sentada xusto alí
ardendo
alí temendo o teu regreso
e a vinganza toda.
Apaguei as túas formas de respirar cada vez que se
alumaban
escondín os teus restos baixo o cairo superior
—eu quería algo punzante para a túa custodia ninguén
te buscaría entre tanta saliva e tanta noite—.
Agora o meu padal é un berce que arrola
o esquecemento
polos séculos.
Atravésote acotío con aire quente e con palabras
é curioso que de ti apenas medre este silencio.
Retratos de vodas, partos e funerais
BIO
Nada en Vigo no 1980, Silvia Penas é o que poderíamos chamar unha poeta escénica, aquela de cuxa boca non sairía a palabra se non fora da man da representación ou a performatividade. Docente de lingua galega, así como de diferentes obradoiros de creación, ten sido recoñecida con multitude de premios pola súa labor no eido da poesía, coma o Premio de poesía Victoriano Taibo. No ano 2014 deu inicio, xunto ao músico Jesús Andrés Tejada, ao proxecto de poesía escénica Cintaadhesiva.