Blues do rei Bergman=B.B.King

Lois Pérez

Blues do rei Bergman = B.B. King

O tempo guinda a súa pedra ao vento
e a miña infancia desaparece no mar
ondas circulares de lembranza
ascenden nos ecos da miña memoria
a morte é un grao de area nunha ostra
que acariña con nácara o soño da perla apértome e afundo na presenza das cousas fuxindo de razóns que ninguén sabe:
sen dor non hai blues
sen feitizo só queda a area.

Long Play.
Xerais, 2017.

BIO

Mestre e contador de historias, o centro da súa actividade artística é a narración oral e a escrita. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega, coa obra “Saltimbanqui”, dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada por este canda Xan Cejudo e Xosé Olveira Pico, publicada en libro-cd (Xerais, 2008).

En 2013 publicou “LP”, o seu primeiro poemario, editado por Emerxente. Foi colaborador do grupo de teatro Pinchacarneiro, da Fundación Anade para persoas con diversidade funcional e ocasionalmente exerce de cronista do rock and roll para a revista “Ruta 66” e como locutor radiofónico nocturno para openradio.es.

Colabora coa Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e no eido do ensino traballou e coordinou diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles (2008, 2009, 2010 e 2011) por organismos oficiais e institucións diversas. “Long Play” (2017) é o seu primeiro libro de poemas en Xerais.

FOTO

Alba Díaz

Entrevistamos a
Lois Pérez

“Sobran motivos pra buscarmos versos, pra protestar ou pra soñar outro país posíbel e necesario”

Lois Pérez (Lugo, 1979) gañou o premio aRi[t]mar co poema ‘Blues do rei Bergman = B.B.King’ e explica nesta entrevista que unha lingua “é tamén un xeito de nomear a realidade e nós facémolo en galego”. “Tamén podes pedir cervexas e outras bebidas espiritosas propias dun escritor sen problemas en Portugal ou no Brasil, no Mozambique ou Cabo Verde, probabelmente incluso en Sanjenjo”, afirma.

Que representa para ti gañar este premio?

Pra min representa unha ledicia e un bonito espellismo: o de recibir un premio de poesía e albergar a dubidosa ilusión de que eu fose poeta; tamén, a de gozar do apoio da xente que me aprecia e que me votou (ben polo afecto, ben pola poesía; ou incluso malia a miña poesía!) así como ser lido polas comunidades educativas das Escolas de Idiomas galegas e portuguesas; xa era premio abondo figurar de finalista canda outras poetas que admiro enormemente.

Como valoras a situación actual da poesía en Galiza e en Portugal?

Penso que hai unha visibilización moi importante de novos talentos, en especial das mulleres, que sempre estiveron aí, pero que non sempre tiveron a oportunidade de visibilizar a súa obra como acontece agora. No tocante á situación actual, vivimos nun país desfeito por demasiados gobernos do Partido Popular… E a poesía nace da dor, en parte. Nese senso, sobran motivos pra buscarmos versos, pra protestar ou pra soñar outro país posíbel e necesario. Así e todo, non aspiro a cambiar o mundo, confórmome con cambiar o meu mundo. Resumo: a poesía é un arma cargada de futuro, o carallo é que o futuro é do Banco Santander Central Hispano.

Que fortalezas atopas no uso do galego e do portugués como poeta?

Fundamentalmente que reflicte sen filtros o que eu penso, e penso sempre en galego; non é unha garantía pero en chinés sáeme peor. E unha lingua é tamén un xeito de nomear a realidade e nós facémolo en galego. Tamén podes pedir cervexas e outras bebidas espiritosas propias dun escritor sen problemas en Portugal ou no Brasil, no Mozambique ou Cabo Verde, probabelmente incluso en Sanjenjo. E acontecen achádegos lingüísticos froito do diálogo inter-incultural: en Portimao, na Taberna da Maré -onda o Restaurante Dona Barca- pedín un “café sozinho” e a camareira preguntou: “sozinho mesmo?” E eu díxenlle: “sozinho mesmo… Case abandonado“.

Que lle transmitirías á xente que está a comezar na poesía?

Que tomen un café sozinho na Taberna da Maré en Portimao sen pensar na soidade. Que apracen a escrita e os delirios de grandeza nunha lingua minoritaria, que coiden e amen a súa muller e o seu fillo, que lean moito e que escriban pouco e que vivan inda máis. Que apunten nun papel o que saiban de poesía e que o tiren ao lixo. Que pensen en: que Pondal escribía de pé, que Thomas Wolfe tamén escribía de pé e usaba de escritorio a neveira, que hai cadeiras baratas no Ikea de Porto -nunca o da Coruña-, e escritorios máis baratos inda, que vistan foulard ou bufanda inda que camiñen en coiros polo Ikea, que eviten a Paulo Coelho pero que frecuenten a Anne Marie Morris, a Pessoa, a Novoneyra, a Mezz Mezrow e que o século XXI será o século en que o xabaril devorará as nosas cidades e conquistará o mundo e disto non fala nin Cristo no Instagram, que a poesía non paga as facturas pero axuda a esquecerse de pagalas… Así como o máis importante, isto. E sobre todo que non lle fagan caso ningún a poetas premiados, son os peores.

Que vas ofrecer na gala aRi[t]mar do 31 de outubro no Auditorio de Santiago de Compostela?

Vou ofrecer que desta volta sexa Salvador Sobral quen toque o piano, sen que sirva de precedente. Eu tocarei a Gran Bretoña, a miña guitarra acústica. E vou ofrecer con algo de falsa modestia os meus versos, que pra algo gañaría. Amais disto, penso entregarme con ledicia “ao que aconteza” e abandoarme á idea de dar o mellor espectáculo do mundo. E ofrecerei a miña contratación irrevocábel pra todos os Departamentos de Lingua e Literatura de Portugal e de Galiza. Ofrezo non aburrir as ovellas. O poeta ofreceulle ao público o que levaba. E o público ofreceulle ao poeta unhas hostias.

Desprazamento
Bottom Reached
GL