Bailando as rúas

A Banda da Loba

Bailando as Rúas

BIO

Integrada por Andrea Porto (baixo), Inés Mirás (guitarra), Marcela Porto (percusión), Estela Rodríguez (violín) e Xiana Lastra (voz), A Banda da Loba son cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, que destaca a creación dun repertorio propio con letras da súa autoría e musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do folk, do pop ou do rock e que fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. Destaca o seu traballo en prol da defensa da muller, tanto no eido musical coma no social, e tamén a posta en valor da palabra, do propio e da lingua galega como culme da expresión poética e musical. A necesidade de facer memoria, o falso progreso, a diversidade e a inclusión, o real e o imaxinario están presentes no seu primero traballo discográfico, “Bailando as rúas”, no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras.

Entrevistamos a
Xiana Lastra,
compoñente da
banda da loba

Xiana Lastra (As Pontes de García Rodríguez, 1983) conta nesta entrevista que a música vive un momento “excepcional” en Galiza. “Hai moitos proxectos de todos os estilos e ademais dunha gran calidade”, explica, mais bota en falta “unha industria cultural que estea á altura” e “apoios a nivel institucional para conseguir que esta poida crearse”.

Que representa para vós gañar este premio?

Sempre é unha honra que recoñezan o teu traballo e, no noso caso, máis aínda porque somos un grupo que acaba de nacer. No momento das votacións había moi pouquiño tempo que sacaramos o noso primeiro CD e estabamos nomeadas xunto a grandes artistas do noso país e cunha traxectoria moito máis ampla. Por isto, que a xente considerase “Bailando as rúas” a mellor canción na nosa lingua, fíxonos moitísima ilusión e deunos moito pulo.

Como valoras a situación actual da música en Galiza?

A música vive un momento excepcional. Hai moitos proxectos de todos os estilos e ademais dunha gran calidade. É unha mágoa porque, pola contra, non temos unha industria cultural que estea á altura, nin tampouco os suficientes apoios a nivel institucional para conseguir que esta poida crearse. Hai moito que traballar, pero sen dúbida o que queda demostrado é que lle poñemos moitas ganas.

Que fortalezas atopas no uso do galego como artista?

A maior fortaleza no noso caso é a da identidade. A lingua é por riba de todo unha das características que máis nos define. A palabra ten nas nosas composicións tanto ou incluso máis peso que a propia música e non entendemos esa comunicación do que nos preocupa, do que nos gusta ou do que rexeitamos, do que queremos transmitir en definitiva, sen facelo en galego. Máis aló diso, poderiamos dicir que atopas certos apoios a nivel institucional á hora da contratación, mais tamén moitas máis barreiras á hora de tentar introducirte en grandes festivais ou para saír tocar fóra de Galiza. É unha cuestión de amor e militancia co noso.

Que lle transmitirías á xente que está a comezar na música?

Que é algo que te enche, que fai que removas e exteriorices emocións que doutro xeito é complicado botar fóra. Que só por iso, paga a pena todo o esforzo, que é moi grande, para poder tocar dignamente. Diríalles tamén que fagan o que lles guste sen ter medo ao fracaso ou ás críticas e que se enchoupen do gran talento que nos rodea. Hai moi boa xente neste “mundillo” da que aprender.

Que ides ofrecer na gala aRi[t]mar do 31 de outubro no Auditorio de Galiza, de Santiago de Compostela?

O que ofrecemos sempre: sinceridade, enerxía e todas as gañas do mundo.

Desprazamento
Bottom Reached
GL