Associação José Afonso

Associação José Afonso

Premio especial do xurado

Por manter vivo o legado daquel que non só foi un dos maiores cantores e poetas da historia de Portugal, senón tamén un persoeiro sempre consciente das súas ligazóns, e as do pobo portugués, coa Galiza, o xurado do certame aRi[t]mar galiza e portugal acaba de decidir que a Associação José Afonso (AJA) será a galardoada co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2022.

Nacida en Setúbal no 1987, pouco despois da morte do Zeca, a Associação José Afonso leva máis de 30 anos difundindo os valores do Zeca a través dos quince núcleos activos que ten por todo Portugal. Do mesmo xeito, a delegación galega, a AJA Galiza, amais de promover o legado do cantor, traballa a prol de dar a coñecer a realidade social e cultural da Galiza nos territorios de alén Miño. Unha Galiza pola cal a vida do Zeca discorreu en numerosas e moi salientables ocasións. Quizais a máis recoñecida ocorreu o 10 de maio do ano 1972, día en que, no Burgo das Nacións, en Santiago de Compostela, a máis célebre música do cantor, Grândola, Vila Morena, foi interpretada por primeira vez ao vivo ante unha multitudinaria audiencia. A partir daquela data, José Afonso volveu en diversas ocasións para participar en diferentes concertos e tamén para se encontrar coas súas amizades galegas: Benedicto, Xico de Carinho ou Manuel María, entre outras.

A plena identificación do Zeca coa Galiza ficou reflectida nunha das súas declaracións máis coñecidas: “A Galiza é para mim umha espécie de Pátria espiritual. Foi umha experiência maravilhosa. Algo especial. Talvez ninguém me entendesse como na Galiza».

Resolución

Así, o xurado de aRi[t]mar outorga á AJA este galardón, un recoñecemento que pretende salientar o traballo daquelas persoas, institucións, organismos ou iniciativas que destacaron por crear pontes de amizade, afectos e colaboración entre Galiza e Portugal a prol da nosa cultura e lingua común galego-portuguesa. A resolución dáse a coñecer nas vésperas do 25 de abril, data emblemática e de celebración da Revolución dos Caraveis.

Desprazamento
Bottom Reached
GL