Arróstrasme Ítacas

Eli Ríos

Arrótrasme Ítacas

Arróstrasme ítacas e paraísos decadentes aos que poder regresar
dunha viaxe que nunca comecei. Desas cheas de tópicos e clixés.
Medas enteiras enfermas de lecturas programáticas que matan
as cores e os sons da poesía sen o + – remorso. Non!

Non quero ler, outra vez (e van mil), a Rimbaud nin a Cunqueiro nin…
nin sequera… quero ler. Non vou recitar versos nas beiras das ondas
porque non son un xoguete desta periferia que me devora os oxímoros.

Constrúome nun eu lírico ou nun vós ou nun nós. Acaso non o ves?
Poeta: sen xénero, sen sexo, sen artigos que me-te-nos constrinxan.

Serei unha muller con voz de home, hermafrodita, un home feito muller
ou a voz que me dea a santa gana entre as estrofas porque o eu na lírica
só ten as arestas que a miña vontade module para tecer este momento.

Así que… Faime o favor e afasta de min os devezos culturalistas e académicos!
Porque non son Ulysses nin Lois (Pereiro). Tampouco Rosalía ou a Pardo Bazán.

Aparta de diante e anícate dentro dese saco de plumas que te hiperprotexe
das asasinas de canons líricos coma min, dos traidores á métrica coma min,
das linguaxes coartadoras que me administran sexos que nunca demandei.

Desachega o espazo necesario para repenicar as tautoloxías e lítotes que quero
ceibar no vento antes de que caian as estrelas todas contra a bóveda anubrada.
Utilizarei as pontes para lanzarme e aprender a voar (dunha vez por todas!),
e, cando regrese, mastigarei con pracer as diloxías da túa entreperna húmida.

Sen poesías nin lirismos.
Só con desexo.

Culpable.
Xerais, 2017.

Desprazamento
Bottom Reached
GL