Anorak de pel de caribú

Lúa Mosquetera

Anorak de pel de caribú

Se vas vir,
ven sen o reloxo.

Podes levar, de ser o caso
de estarmos a vivir un inverno esfameado
cheo de poalleira conxelada
na pel das plantas da túa terraza
do teu piso
de aluguer,
un anorak de pel de caribú.
Podes levar, de ser a desgraza imparábel,
de ser a sorte inimiga,
unha máscara tapabocas
unhas luvas antialoumiños
un certo medo no peito amarrado
para evitar calquera tipo de contaxio.
Podes levar,
por que non,
enrugada no peto do vaqueiro,
pegadiña ao profiláctico premeditado,
unha ilusión cativa
de que todo vai saír
como o imaxinaches nun soño
que tiveches nos primeiros do 2000,
onde soñar suplía
todas as redes sociais do teu móbil de agora.

Mais de vires,
deixa que fite
cunha cacharela en cada ollo
o teu pulso nu.

E deixa que pense
que mañá
é só
unha falacia
inventada polos académicos da lingua.

VVAA, 15 voces da nova poesía galega.
GADISA, 2021

BIO

Compromiso, renovación e ruptura son tres palabras que califican con precisión a obra de Lúa Mosquetera. A autora, orixinaria da coruñesa vila de Miño, abandona os tropos máis recurrentes da poesía nunha, a súa, sempre recitada sobre música (se pode ser en directo) e defensora dunha lírica separada do elitismo. “Anorak de pel de caribú”, a poesía gañadora do premio a Mellor Poesía do Ano na Galiza, formou parte da antoloxía “15 voces da nova poesía galega” e será publicada nun poemario da autora neste 2022 con Galaxia.

Desprazamento
Bottom Reached
GL