
O público decide: cal é a mellor canción do ano 2024 na Galiza?
O xurado de aRi[t]mar preseleccionou as cancións galegas e portuguesas que loitarán por seren recoñecidas como as mellores do pasado 2024. Son dez músicas de cada país as que optan a ser elixidas pola xente como Mellor Música do Ano na Galiza e Mellor Música do Ano en Portugal. As ditas votacións, que comezarán este xoves, día 27 de febreiro, están abertas a todas as persoas usuarias da rede e accesibles a través da páxina web aritmar.gal. O proceso de votación permanecerá activo até o vindeiro 27 de marzo.
As músicas candidatas presentan un panorama estable e rico en alternativas
As cancións finalistas para o Premio á Mellor Música de 2024 na Galiza son: F**k the Police de Ataque Escampe; Barullo (feat. Felisa Segade) de Baiuca; Italofeira, de Boyanka Kostova; Milagre económico de Familia Caamagno; O Noso Tempo de Hugo Guezeta; Tanto por loitar de MJ Pérez; Quererse ben de Mondra; Papá & Mamá de ORTIGA; O Movemento de Sheila Patricia; e Cantar galego ao Zeca de Uxía.
A escena musical galega amósase estable e diversa a través destas cancións candidatas. Desde artistas de longa traxectoria como Uxía e bandas recoñecidísimas no panorama musical como Ataque Escampe ou Familia Caamagno até auténticas sensacións galegas no ámbito internacional como Baiuca ou algunhas das iniciativas con maior proxección do país como Mondra. Artistas que buscan volver ao tradicional como Sheila Patricia, practicantes da canción de autor como MJ Pérez, reinventores da verbena como ORTIGA e Boyanka Kostova ou mesmo vellos coñecidos do rap galego como Hugo Guezeta. Hai de todo e para todos os gustos na paisaxe musical da Galiza. Agora está por ver o que opina o público.
Por outra banda, as cancións finalistas para o Premio á Mellor Música de 2024 en Portugal son: O Bicho Anda Por Aí de Ana Lua Caiano; Deixou-me a mala no comboio (feat. Rosinha) de Bárbara Tinoco; Marcha da Paridade de Bia Maria; Como É Linda de Carolina Deslandes; Menina Estás à Janela (feat. Vitorino, Buba Espinho e Bandidos do Cantey) de D.A.M.A; Amor de Ferro de Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa; Vestir a camisola de Joana Espadinha; Estagnação de Maria Reis; Desamor (feat. GSON) de Mariza; e Tira o Pé do Chão de Meninos do Rio.
aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela pertencente á Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actual, ademais de achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz- Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.