
O Município de Braga, distinguido co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2025
O xurado do proxecto aRi[t]mar galiza e portugal, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, acaba de atribuír o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2025 ao Município de Braga, en recoñecemento á súa destacada traxectoria de promoción do diálogo cultural entre Galiza e Portugal e de fortalecemento dos vínculos dentro do espazo común da lusofonía.
Este galardón, que se fai público na véspera do simbólico 25 de abril portugués, destaca cada ano a contribución de persoas, entidades ou institucións que traballan activamente por aproximar a Galiza do mundo lusófono e viceversa, defendendo a cultura e a lingua como elementos de unión e identidade partillada.
O xurado subliñou o papel do Município de Braga, irmandado co de Santiago de Compostela desde o ano 2022, como un verdadeiro referente no norte de Portugal no impulso á cooperación cultural e institucional coa Galiza. Entre os méritos destacados encóntranse o apoio activo a eventos galego-lusófonos de referencia, como o Festival Convergências Portugal-Galiza, que promove o encontro de artistas e creadores galegos e portugueses nunha programación que celebra as conexións musicais e literarias; ou o Festival Castro Galaico, centrado na memoria e cultura partilladas do mundo galaico-portugués, coa participación habitual de colectivos galegos.
Braga acolle aínda múltiples eventos culturais con presenza galega, exposicións, encontros literarios, concertos e presentacións editoriais que contan co apoio directo do goberno municipal, consolidando a cidade como un espazo acolledor e integrador da cultura galega no seo da lusofononía.
Destácase igualmente a súa colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, situado na cidade, e co tecido asociativo e cultural que fomenta a interrelación permanente entre ambas as marxes do Miño.
Igualmente, o Município acolleu oficialmente, coa presenza do Presidente da Câmara Municipal de Braga, a constitución oficial da Rede da GaliLusofonia en 2018, formada na actualidade por máis de 30 entidades, entre elas aRi[t]mar galiza e portugal, cos obxectivos de “unir esforzos, coordenarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a situar a Galiza no seu espazo natural lingüístico-cultural, a lusofonía, con grande potencial noutros campos como o económico e o institucional”.
Con este premio, o proxecto aRi[t]mar pretende recoñecer e agradecer o firme compromiso do Município de Braga coa construción de pontes culturais, sociais e institucionais entre Galiza e Portugal, entendendo que ese traballo é esencial para a reinserción da cultura galega no seu espazo natural da lusofonía.
A entrega do galardón terá lugar na Gala aRi[t]mar 2025, que se celebrará en Santiago de Compostela no mes de outubro, nun evento que reunirá artistas, poetas, representantes institucionais e figuras destacadas da cultura galega e portuguesa.