Galiza e Portugal volveron xuntarse na Gala aRi[t]mar que encheu o Teatro Principal de Santiago
O Teatro Principal de Santiago de Compostela colgou esta sexta feira o cartel de completo para a celebración da gala aRi[t]mar que tivo lugar onte. Xisco Feixoo, Wilma Vieira e Lúa Mosquetera recolleron os seus premios por teren producido o mellor da música e a poesía na Galiza e Portugal durante o pasado 2021, un galardón que tamén logrou a fadista de recoñecida fama internacional Ana Moura, un premio que recolleu Vítor Belho, de Nordesía Producións.
O proxecto educativo ‘Ponte… nas Ondas!’, que vén de ser incluído na listaxe de mellores prácticas da Unesco, recibiu, nas mans de Santiago Veloso e Esmeralda Carvalho, o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona polo traballo constante en prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.
A gala estivo conducida por Isabel Risco, no seu papel de “Nabiza Girl”, e Fran Rei, e contou coas actuacións de dúas artistas emerxentes de cadanseu lado da raia.
A setubalense A Garota Não e a galego-arxentina Catuxa Salom foron as encargadas de pór banda sonora a esta nova edición, na que Lúa Mosquetera e Wilma Vieira protagonizaron o apartado poético.
Na entrega de premios, estiveron presentes numerosas autoridades galegas e portuguesas, así como representantes doutras entidades colaboradoras como a Academia Galega da Lingua Portuguesa, o Centro Cultural Portugués Camões de Vigo ou a Rede da Galilusofonía.
O certame está organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e portugués da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, que durante o curso traballa de forma didáctica os textos e as músicas co alumnado para escoller, posteriormente e mediante votación en liña, as mellores cancións e poesías editadas en Galicia e Portugal o ano anterior.