Os premios aRi[t]mar 2021 divulgan a música e poesía galego- portuguesa nunha gala ao máximo da súa capacidade
Gaudi Galego, Cláudia Pascoal, Rosalía Fernández Rial, Márcia e Viale Moutinho reciben os galardóns desta sexta edición do certame nas súas respectivas categorías.
Os premios aRi[t]mar veñen de celebrar un ano máis a música e a poesía galego- portuguesa nunha gala que reuniu en Compostela a máis de 600 persoas. O espectáculo, organizado pola EOI de Santiago e conducido por Vicente Mohedano e Lupe Blanco, contou coas actuacións en directo das premiadas á mellor canción 2020: Guadi Galego e Cláudia Pascoal. Na categoría de poesía resultaron vencedoras Rosalía Fernández Rial, no lado galego, e Márcia, no portugués.
Ademais, Jose Viale Moutinho recibiu o premio especial do xurado á embaixada amizade galego-lusófona. O escritor madeirense non puido asistir á gala por motivos de saúde, polo que o xornalista Luís Álvarez Pousa recolleu o galardón no seu nome.
As gañadoras nas categorías de mellor canción en galego e portugués, Guadi Galego e Cláudia Pascoal, non sé recibiron os seus respectivos premios senón que tamén ofreceron un concerto duns cuarenta minutos. Guadi Galego e Cláudia Pascoal interpretaron as cancións que lles valeron a distinción este ano, «Cólico» e «Quase dança», respectivamente, xunto a outras pezas dos seus repertorios. Guadi Galego tamén cantou varios temas que resultaron finalistas en pasadas
edicións de aRi[t]mar, amais de éxitos como «Matriarcas». O programa de Pascoal incluíu varios temas do seu álbum de debut e un avance en exclusiva do novo disco que sairá a comezos de 2022, e do que estrea single este próximo venres.
Pola súa banda, as dúas vencedoras na categoría de poesía, Rosalía Fernández Rial, en galego por “A reflexión” e Márcia, en portugués, por “O verão sabe-me bem” recibiron as súas estatuíñas, realizadas polos artesáns estradenses Fernando Porto e Trinidad Barranco, logo da proxección dos videopoemas.
O certame está organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e portugués da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, que durante o curso traballa de forma didáctica os textos e as músicas co alumnado para escoller, posteriormente e mediante votación en liña, as mellores cancións e poesías editadas en Galicia e Portugal o ano anterior.