2023“II. lisístrata” de Fillas de cassandra e “ Maçãzinha” de retimbrar, vencedoras do aRi[t]mar galiza e portugal 2022 na modalidade de música

“II. lisístrata” de Fillas de cassandra e “ Maçãzinha” de retimbrar, vencedoras do aRi[t]mar galiza e portugal 2022 na modalidade de música

Este 27 de marzo pechou o proceso de votación mediante o cal o público da gala aRi[t]mar escolleu cal foron as Mellores Músicas do pasado 2022 na Galiza e en Portugal. Nesta oitava edición, o certame volveu bater a súa propia marca de participación cun total de 6792 votos, o que supón case un 30% de incremento con respecto á edición anterior.

Neste caso, o público de aRi[t]mar acordou que II. LISÍSTRATA (varre vasoira), das Fillas de Cassandra, foi a Mellor Música do 2022 na Galiza. Este segundo corte do que é o primeiro traballo das viguesas María Pérez e Sara Faro dá boa conta de que a escena musical galega segue a innovar e triunfar sen necesidade de abandonar a tradición cultural, reformulando a mensaxe feminista a través dun espazo no que a Grecia Clásica convive co trap ou a música electrónica.

No caso de alén do Miño, o tema elixido como Mellor Música do 2022 en Portugal é Maçãzinha, da agrupación portuense Retimbrar en colaboración coa mosense Uxía. Maçãzinha é un bo exemplo do TugaBeat, nome co que os mesmos Retimbrar definen a súa música, unha mistura de sons folk, populares e de outras moitas orixes coa sempre imperante presencia da percusión tradicional lusa.

Os artistas que acadaron o podio grazas aos votos do público foron, na Galiza, SÉS, quen xa recibira o premio na edición 2017 e nesta ocasión optaba ao mesmo grazas ao seu Para Cando Eu Morra, e a dupla Xoel López & Baiuca, con Paxaro Do Demo. En Portugal, o segundo e terceiro clasificado foron: A Garota Não co seu tema Dilúvio, e Miguel Araújo, que optaba ao premio pola súa Dança de um dia normal.

GL