- Que significa para ti a concesión por parte do Ari[t]mar do premio á mellor canción en galego de 2019?
- Para min foi unha sorpresa e, sobre todo, unha luz chea de confianza para seguir. "Despedida" é un dos meus temas máis especiais e, en si, non xurdiu como tema, senón como intro, pero tiña todo o que era eu e quixen apostar por ela como canción de saída. Foi un recoñecemento a apostar por min, así que eternamente agradecida en que se fixasen nela.
- Onde cres que radica o éxito que tivo “Despedida” entre o público?
- Se cadra o son, o conxunto musical de todos os arranxos e efectos. Nesta época non había nada en galego con este son e creo que, quizais, iso a fixo especial. En moitas persoas reafirmou que o galego non debe ter, nin ten, un límite creativo.
- Que valoración fas do momento que vive a música en galego?
- Creo que é o momento da diversidade. Hai moitos proxectos novos que apostan por diferentes estilos e perspectivas. Para min, na música, prima precisamente iso, a música. Canto máis diversa e canto máis reflexe a tódolos grupos sociais, mellor, polo tanto, a música en galego tamén. Observo que a xente nova, coma min, que entramos no mundo da música empregando a nosa lingua, mantemos un respecto pola esencia, pola tradición, sen perder de vista a exploración e o momento no que vivimos.
- Que mensaxe lle dás as persoas que tentan abrirse camiño no mundo da música e da poesía en galego?
- A mensaxe é clara: os artistas creamos grazas ao mundo no que vivimos, ese que nos dá a nosa identidade e a nosa individualidade dentro da colectividade que precisamos para vivir. A esencia de cada persoa radica nesa fórmula única na que conflúen linguas, persoas, contornas, etc. Cada persoa e, polo tanto, artista, será única grazas á súa esencia, é algo que nos distingue dos demais.
É unha sorte estar e coñecer o mundo cunha identidade; mudar sen perdela e sen estancarnos é o traballo do día a día.
- Que importancia outorgas ás conexións da Galiza coa lusofonía?
- Tendo en conta que o meu primeiro disco foi gravado en Portugal e con equipo portugués, ditas conexións, para min, son máis que importantes.
Portugal, para min, é parte da miña historia, xa que dende pequena adoitaba escoitar música e artistas portuguesas/es, así como do Brasil. Tender pontes e crear novos lazos a nivel cultural significa medrar, e iso só pode ter cousas positivas.
- Que tes previsto para a gala de entrega dos premios de Aritmar?
- Para a gala de premios irei xunto ao meu guitarrista Mateo Bruquetas e faremos un pequeno acústico no que, por suposto, estarán "Despedida" e "Nai", outro tema importante do meu primeiro traballo. Tamén tocaremos "Tris Tras", tema de Marful que me deu moitas ledicias e que nunca me cansarei de tocar e escoitar, agradecendo a Ugia e Marful todas as pontes que tenderon antes. E para rematar, faremos tamén o clásico "Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía de Castro, nunha versión adaptada que fixen para o Día das Letras Galegas do 2019.