
Elba Pedrosa vence o Premio aRi[t]mar á Mellor Poesía do Ano 2024 na Galiza co seu poema “Onde imos agora”
Santiago de Compostela, 22 de maio do 2025 – A votación popular da gala aRi[t]mar decidiu que o poema “Onde imos agora” (Des a mar, Edicóns Embora, 2024), de Elba Pedrosa, foi o mellor do ano 2024 na Galiza, e igualmente, “não sei voar mas tenho” (Matar os Dinossauros. Cordel d’ Prata, 2024), de Cátia Cardoso, foi o mellor poema do ano 2024 en Portugal. Ambos os dous podios complétanos, pola Galiza, María Lado con “Facer o mel” e Neves Rodríguez con “Descendo a rolos”; e no caso portugués, Ricardo Gil Soeiro con “Liçao de Eudemonia” e Filipa Leal con “Arreigada”.
As mellores poesías do ano na Galiza e Portugal: dúas miradas diferentes á realidade ilóxica e contradicoria da condición humana
Elba Pedrosa e Cátia Cardoso teñen en común seren mulleres, poetas e vencedoras do premio á mellor poesía do ano 2024 nos seus respectivos países. Mais, lonxe de se conformaren como autoras dun bloque limitado polo prexuízo temático do feminino, ambas mostran a diversidade que as voces das mulleres veñen achegando á poesía nos últimos anos na Galiza e en Portugal, o cal non fai con que os mundos das poesías vencedoras non sexan complementarios nin teñan puntos en común. Pedrosa lanza ao aire a grande pregunta de se realmente aprendemos algo ou só vivimos a remexer na lama da guerra e permanecemos na familiaridade que nos proporciona a pólvora da nosa memoria, e Cardoso responde co azar e a falta de lóxica que só a un mundo en conflito constante pode gobernar. A condición humana é, polo si ou polo non, unha condición contraditoria que ben podería estar a xerar unha tensión poética entre as dúas pezas vencedoras do premio aRi[t]mar.
Así, Elba Pedrosa e Cátia Cardoso súmanse a Mondra e Diogo Piçarra, autores das mellores músicas do ano na Galiza e Portugal, e ao Municipio de Braga, gañador do Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona. Todos os galardoados participarán na gala aRi[t]mar 2025 e alí recollerán tamén os seus premios. A gala celebrarase no mes de outubro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
