2026Comezan as votacións! Toca elixir as mellores cancións do ano 2025 na Galiza e Portugal.

Comezan as votacións! Toca elixir as mellores cancións do ano 2025 na Galiza e Portugal.

Hai xa máis de 10 anos, a gala aRi[t]mar leva poñendo a disposición pública e popular a votación para seleccionar cal son as mellores cancións do ano na Galiza e Portugal. E o 2025 non ía ser menos. O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as músicas finalistas para a vindeira edición da gala. Son 10 postulantes galegas e 10 portuguesas.

Ditas votacións, que comezan hoxe, venres 27 de febreiro, son abertas a todos os usuarios da rede e accesíbles a través da páxina web aritmar.gal. O proceso permanecerá en activo durante un mes, até o 27 de marzo.

As cancións finalistas para o Premio á Mellor Música de 2025 na Galiza son:

Vitoria, de Chicharrón; E se queres, de Faia; De paseo en Portugal, da Familia Caamagno; Vou pa Arzúa, de Grande Amore; A palabra como arma, de Hugo Guezeta; Perdín a Memoria, de MJ Pérez; O pobre não tem, o rico não dá!, da Oquestra Bravú Xangai; A Xeitosa, de Sheila Patricia; Todo o mundo contra min, dos Ulex; e Será por Flores, de Uxía.

As cancións finalistas ó Premio á Mellor Música do 2025 en Portugal son:

Tigre I, de A Garota Não e Sérgio Miendes; Não é Tarde, Nem é Cedo, de Buba Espinho e Miguel Araújo; Respirar, de Calema e Sara Correia; Balada do País que Dói, de Carminho; Brinde (16h00), de Carolina Deslandes; Tu e a Lua, de Irina Barros; MENINA, de MAR e Carolina Deslandes; Quem quer dizer adeus, de Márcia; Santa, de MimiCat; e Mulher dos Teus Sonhos, de Nena & Joana Almeirante.

Diversidade e converxencia de estilos no mellor da música galega do 2025

É unha realidade que se vén dando entre as cancións finalistas ó premio á Mellor Música do Ano na Galiza, pero non por habitual deixa de ser un valioso marcador da fulgurante e diversa natureza da escena musical galega. Nas 10 postulantes converxen o tradi, o rock, o hip-hop, a canción de autor e en definitiva, música diversa, sen necesidade de etiquetas ainda que as poda levar, e da man dun plantel de artistas de varias xeracións. Vellos coñecidos de outras agrupacións coma Faia ou Hugo Guezeta; pola contra, agrupacións con novas integrantes, coma Chicharrón; artistas consolidadas coma Grande Amore, MJ Pérez ou Sheila Patricia; revivals de sons do pasado século XX coma a Familia Caamagno ou a Orquestra Bravú Xangai; emerxentes coma os Ulex; ou nomes asinados a ferro na historia da música galega contemporánea como Uxía. Todo cabe entre as músicas finalistas na nova edición de aRi[t]mar.

GL