2024aRi[t]mar recoñece á Sociedade Cultural e Desportiva do Condado co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona

aRi[t]mar recoñece á Sociedade Cultural e Desportiva do Condado co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona

O xurado dos premios aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesa vén de decidir que a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado será a entidade recoñecida co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona.

O galardón entrégase todos os anos a aquela persoa, agrupación ou entidade que teña demostrado un gran compromiso coa construción de pontes culturais entre a Galiza e a Lusofonía.

A Sociedade Cultural e Desportiva do Condado é unha entidade cunha longa traxectoria. Nada en Salvaterra do Miño da participación de sindicalistas, independentistas e activistas do movemento veciñal, aínda baixo o xugo do franquismo, no 1973, nestes máis de 50 anos de historia ten sido responsable dun gran número de accións e iniciativas en prol do fortalecemento da lingua e cultura galegas e os seus vínculos coa cultura de alén do Miño. Entre elas a inesquecíbel actuación, o 30 de decembro do 1978, de Zeca Afonso, Vitórino e Fausto, o máis representativo da Música de intervenção portuguesa e vencellada ao 25 de abril.

A outra gran iniciativa desta asociación que amosa a súa aposta pola defensa da lingua e das relacións co mundo lusófono é o Festival da Poesía do Condado, xurdido no 1981 e concibido desde a súa orixe como encontro de convivencia entre poetas da Galiza, doutras nacionalidades lusófonas e doutras nacionalidades históricas coma Euskal Herria e Cataluña.

GL