2022Lúa Mosquetera e Wilma Vieira son as vencedoras dos premios aRi[t]mar Á Mellor Poesía do Ano

Lúa Mosquetera e Wilma Vieira son as vencedoras dos premios aRi[t]mar Á Mellor Poesía do Ano

O prazo para elixir as mellores poesías do ano na Galiza e en Portugal, aberto o pasado 19 de abril, pechou este luns día 16 de maio. Os máis de 5.000 votos emitidos polo público de aRi[t]mar a través da Internet decidiron que o poema “Anorak de pel de caribú”, de Lúa Mosquetera, fose elixido Mellor Poesía do Ano 2021 na Galiza. Igualmente, “E se eu fosse eu?”, de Wilma Vieira, foi elixida Mellor Poesía do Ano 2021 en Portugal.
As poetas Inma Doval e Teresa Rios foron a segunda e terceira clasificadas na Galiza coas súas poesías “(couza)” e “Medrei na arela desa pantasma”. En Portugal, a segunda e o terceiro clasificados foron Raquel Serejo Martins, con “Comprar un móvel con muitas gavetas”, e Sérgio Godinho, con “A cada degrau”.

O público de aRi[t]mar aposta por dúas voces femininas, novas e modernas

Compromiso, renovación e ruptura son tres palabras que califican con precisión a obra de Lúa Mosquetera. A autora, orixinaria da coruñesa vila de Miño, abandona os tropos máis recurrentes da poesía nunha, a súa, sempre recitada sobre música (se pode ser en directo) e defensora dunha lírica separada do elitismo. “Anorak de pel de caribú”, a poesía gañadora do premio á Mellor Poesía do Ano na Galiza, formou parte da antoloxía “15 voces da nova poesía galega” e será publicada nun poemario da autora neste 2022 con Galaxia.

Máis nova aínda que Mosquetera é a gañadora portuguesa. Só ten 24 anos, pero xa leva moitos utilizando a poesía como unha ferramenta coa que expresar a súa visión da vida. Despois de ter participado en varias antoloxías, a caboverdiana e portuense de adopción, Wilma Vieira, estrenouse no 2021 co seu poemario “Menina de Cor”, libro que contén “E se eu fosse eu”, poema gañador do premio á Mellor Poesía do Ano en Portugal. A peza dá boa conta de como, na obra de Wilma Vieira, a reflexión sobre a vida propia vólvese reflexión sobre a vida de calquera, e polo tanto, unha lírica e existencial visión da vida de todos.

GL