Utilizamos cookies de terceiros para mellorar continuamente os nosos servizos. Se continúas navegando aceptas o uso destas.

   Saber máis - Entendí.
Galego Português
aRi[t]mar - Entrevista a Uxía

 

Entrevista a Uxía

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

“Ser ponte entre Galiza e os territorios da lusofonía é fundamental para situar a nosa terra nese mapa”

Uxía é a embaixadora e pioneira da amizade galego-lusófona por excelencia, con especial destaque no campo da música, cun traballo que abre novos e múltiples camiños na restauración das pontes, dos afectos e do recoñecemento mutuo entre Galiza e a Lusofonía; cun labor permanente de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural. Nesta entrevista fala de “tecer a rede da Galilusofonía” e insta a “poñérmonos mans á obra, a crear conxuntamente, coproducir, pensármonos como familia respectando a identidade de cada quen”. Uxía, sempre a bulir con novas ideas.

 

- Que representa para ti gañar este premio aRi[t]mar especial do xurado Embaixada da amizade galego-lusófona?

Para min é un recoñecemento moi especial polo que representa, unha teima e unha paixón á que dediquei boa parte da miña vida. Ser ponte entre Galiza e os territorios da lusofonía é fundamental para situar a nosa terra nese mapa. Tamén debemos facer saber que aquí está o útero materno, o lugar onde regresan as voces que un día partiron e agora voltan a casa. Isto é o que tentamos facer desde o Festival Cantos na Maré e desde aRi[t]mar, seguir mantendo os lazos de fraternidade e poñelos ao día para que as novas xeracións sintan que estamos máis próximos, que iso non é un desexo inalcanzábel.

Manuel María dicía nun dos poemas que eu canto que o idioma é a chave coa que abrimos o mundo, e eu engado que esa chave pode axudar a tecer a rede da Galilusofonía á que eu quero apoiar e dar ás para que voe moi alto, para que sexamos quen de ir máis aló das declaracións institucionais ou da boa vontade simplemente. Temos que poñérmonos mans á obra, crear conxuntamente, coproducir, rachar cos prexuízos e os preconceitos, pensármonos como familia respectando a identidade de cada quen. Sabendo que isto é unha carreira de fondo mais que o camiño é o apaixonante.


-Como valoras a situación actual da música e da poesía en Portugal e na Galiza?
Creo que estamos nun momento moi brillante, con moitas propostas de variados estilos, aquí e do outro lado da raia, que rachan tamén cos estereotipos da música e da poesía que sempre nos representaron. Encántame seguirlle os pasos ao que fai a xente nova aquí e alá e sinto que camiñamos na mesma dirección. O que me preocupa é que non se coñeza ben esa realidade dinámica e produtiva. Por iso creo que esta iniciativa debe perdurar e axudar a que nos coñezamos máis e mellor. Se souberamos que en Portugal, Brasil, Maputo, Luanda, Cabo Verde teñen interese polo que facemos aquí mudariamos a nosa percepción de que somos invisíbeis. Non o somos. Hai moito que rozar, certo, mais non podemos deixar de abrir camiños e deixar que entre ar fresco desde estes lugares, coñecelos, a través das redes curiosear e ver que fan as novas creadoras e os novos creadores de por alí e poñer en marcha plataformas de música, poesía, cine, teatro, artes en xeral para que nos coñezan alí. A Rede da Galilusofonía debería servir para iso e para abrir paso ás novas xeracións. Tentémolo, polo menos...


-Que lle transmitirías á xente que está a comezar na música e na poesía?
Pois que lle poñan moita paixón e que non se desanimen á primeira de cambio. Na actualidade, temos canles para a comunicación do noso traballo inimaxinábeis no pasado, existen menos fronteiras. Deixémonos levar e traballemos moito, tentando ofrecer algo verdadeiro e que veña do corazón e da nosa identidade. Será máis doado saír do noso territorio se o que facemos ten algo propio, se o cantamos na nosa lingua, se nos representa. Temos moitos espellos onde mirarnos, moitas fontes das que sentírmonos orgullosas e un pasado común que é valorado en todo o mundo: as Cantigas de Amigo galego-portuguesas.


-Que vas ofrecer na gala aRi[t]mar do 4 de decembro no Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela?
Pois vou deixar que sexa unha sorpresa para a xente que se achegue a gozar da festa. Recomendo vivamente que asistades á Gala, que non a perdades por nada do mundo, mesmo sendo entre semana. O ano pasado foi xenial e esta nova edición promete coa presenza das gañadoras e gañadores. Azeitonas e Tanxugueiras. Promete, non si?

 


aRi[t]mar
Difundir a música e a poesia, aproximar a cultura e a língua da Galiza e Portugal.
Promove
Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Patrocinan / Patrocinam
Secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, Deputación Provincial da Coruña e Concello de Santiago de Compostela, Agrupamaneto Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e Instituto Camões-Centro cultural Portugués de Vigo.
Colaboran / Colaboram
Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, Centros do Ensino Português pelo Camões na Galiza, Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.