|
|
Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.
Recargar
“Ser ponte entre Galiza e os territorios da lusofonía é fundamental para situar a nosa terra nese mapa”
Uxía é a embaixadora e pioneira da amizade galego-lusófona por excelencia, con especial destaque no campo da música, cun traballo que abre novos e múltiples camiños na restauración das pontes, dos afectos e do recoñecemento mutuo entre Galiza e a Lusofonía; cun labor permanente de reinserción da cultura galega nese seu verdadeiro espazo natural. Nesta entrevista fala de “tecer a rede da Galilusofonía” e insta a “poñérmonos mans á obra, a crear conxuntamente, coproducir, pensármonos como familia respectando a identidade de cada quen”. Uxía, sempre a bulir con novas ideas.
- Que representa para ti gañar este premio aRi[t]mar especial do xurado Embaixada da amizade galego-lusófona?
Para min é un recoñecemento moi especial polo que representa, unha teima e unha paixón á que dediquei boa parte da miña vida. Ser ponte entre Galiza e os territorios da lusofonía é fundamental para situar a nosa terra nese mapa. Tamén debemos facer saber que aquí está o útero materno, o lugar onde regresan as voces que un día partiron e agora voltan a casa. Isto é o que tentamos facer desde o Festival Cantos na Maré e desde aRi[t]mar, seguir mantendo os lazos de fraternidade e poñelos ao día para que as novas xeracións sintan que estamos máis próximos, que iso non é un desexo inalcanzábel.
Manuel María dicía nun dos poemas que eu canto que o idioma é a chave coa que abrimos o mundo, e eu engado que esa chave pode axudar a tecer a rede da Galilusofonía á que eu quero apoiar e dar ás para que voe moi alto, para que sexamos quen de ir máis aló das declaracións institucionais ou da boa vontade simplemente. Temos que poñérmonos mans á obra, crear conxuntamente, coproducir, rachar cos prexuízos e os preconceitos, pensármonos como familia respectando a identidade de cada quen. Sabendo que isto é unha carreira de fondo mais que o camiño é o apaixonante.
-Como valoras a situación actual da música e da poesía en Portugal e na Galiza? Creo que estamos nun momento moi brillante, con moitas propostas de variados estilos, aquí e do outro lado da raia, que rachan tamén cos estereotipos da música e da poesía que sempre nos representaron. Encántame seguirlle os pasos ao que fai a xente nova aquí e alá e sinto que camiñamos na mesma dirección. O que me preocupa é que non se coñeza ben esa realidade dinámica e produtiva. Por iso creo que esta iniciativa debe perdurar e axudar a que nos coñezamos máis e mellor. Se souberamos que en Portugal, Brasil, Maputo, Luanda, Cabo Verde teñen interese polo que facemos aquí mudariamos a nosa percepción de que somos invisíbeis. Non o somos. Hai moito que rozar, certo, mais non podemos deixar de abrir camiños e deixar que entre ar fresco desde estes lugares, coñecelos, a través das redes curiosear e ver que fan as novas creadoras e os novos creadores de por alí e poñer en marcha plataformas de música, poesía, cine, teatro, artes en xeral para que nos coñezan alí. A Rede da Galilusofonía debería servir para iso e para abrir paso ás novas xeracións. Tentémolo, polo menos...
-Que lle transmitirías á xente que está a comezar na música e na poesía? Pois que lle poñan moita paixón e que non se desanimen á primeira de cambio. Na actualidade, temos canles para a comunicación do noso traballo inimaxinábeis no pasado, existen menos fronteiras. Deixémonos levar e traballemos moito, tentando ofrecer algo verdadeiro e que veña do corazón e da nosa identidade. Será máis doado saír do noso territorio se o que facemos ten algo propio, se o cantamos na nosa lingua, se nos representa. Temos moitos espellos onde mirarnos, moitas fontes das que sentírmonos orgullosas e un pasado común que é valorado en todo o mundo: as Cantigas de Amigo galego-portuguesas.
-Que vas ofrecer na gala aRi[t]mar do 4 de decembro no Auditorio de Galiza, en Santiago de Compostela? Pois vou deixar que sexa unha sorpresa para a xente que se achegue a gozar da festa. Recomendo vivamente que asistades á Gala, que non a perdades por nada do mundo, mesmo sendo entre semana. O ano pasado foi xenial e esta nova edición promete coa presenza das gañadoras e gañadores. Azeitonas e Tanxugueiras. Promete, non si?
|
|